O público gozou coa camaredería a boa música das dúas agrupacións, que encheron de boa música o Campo do Souto ||
Dios ke te crew abriu o venres os ciclos que concertos, que continuará a vindeira fin de semana cos festivais Open Air ||
O dúo vigués Fillas de Cassandra e o grupo pangalaico De Ninghures sorprenderon este sábado ao público padronés que asistiu aos concertos no Campo de Souto cando viu como ambas agrupacións se fusionaban para tocar algúns dos temas durante as súas respectivas actuacións.
Primeiro foron Sara e María quen se subiron ao escenario durante o concerto de De Ninghures para cantar un dos temas do repertorio dos sete integrantes da banda galega. Despois, o dúo vigués invitou primeiro aos integrantes de De Ninghures a bailar unha muiñeira, reto que non dubidaron en aceptar diante da sorpresa dun público que aplaudiu con ganas. Pouco despois Marta e Eva (De Ninghures) volvían subir ao escenario para cantar unha canción con Fillas de Cassandra.
Foron as sorpresas dunha noite na que triunfou a boa música da terra. De Ninghures, a banda de música folk que se define como un grupo pangalaico, integrado por xente de toda Galicia, animou ao público coas súas “xotas e muiñeiras”. No seu repertorio de onte incluíron o tema Poço, unha canción que estrearon hai poucos días. A súa actuación rematou con Morena, a canción coa que gañaron este ano o Premio aRi(t)mar á mellor canción galega de 2023.
Despois subiron ao escenario Sara Faro e María Soa, agradecendo ao público presente que asistise “a este convite das Últimas dionisíacas”, as festas que se celebraban en Grecia na honra do teatro, da danza e da música” e que da nome a xira do grupo. Durante a súa actuación, Fillas de Cassandra interpretou algúns dos temas máis coñecidos do dúo galego de moda que bebe do legado das cantareiras e pandeireteiras e que reivindica o feminismo e a necesidade de dar visibilidade ao talento artístico da muller, fusionando na súa música tradición e modernidade.
O concerto rematou coa versión traducida ao galego do clásico MariCarmen, un tema moi aplaudido e seguido polo público, entre o que había algunhas adolescentes amosando pancartas de apoio. A concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, e o de Deportes, Luis Mariño, atopábanse entre os centos de persoas que asistiron aos concertos de onte, que remataron coa actuación da Rapariga DJ.
Os concertos da Festas do Santiaguiño de Padrón comezaron este ano a noite do venres coa actuación do grupo de hip hop ordense Dios ke te crew e de La Yaya DJ.
A música voltará os vindeiros venres e sábado cos concertos de Open Air.
As Festas do Santiaguiñio continúan este luns, día 22, coa actuación de Teatro do Andamia, que ofrece ás 21.30 horas 'A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo ferozo' no paseo do Espolón.
O martes, día 23, ás 11.30 horas tamén no paseo do Espolón, celébrase o obradoiro familiar 'Onde van os nosos ríos', de Asnot; e ás 21.30 horas Cayetano Lledó ofrece o seu espectáculo de maxia 'Oh, Circo', tamén no paseo do Espolón.
O mércores 24 Padrón gozará co festival Asnot, a actuación do grupo folclórico Rosalía de Castro (18.00 horas ) e a Hinchadiña Branca Vela (19.00). O xoves 25 será o día grande, coa romaría no Santiaguiño do Monte.