-->

O Concello de Padrón reclama a reforma integral do centro de saúde, unha residencia para a terceira idade e que a nova escola infantil sexa galiña azul

O alcalde, Anxo Arca, e a deputada Patricia Iglesias visitaron o centro de saúde para comprobar o seu mal estado

Estiveron acompañados polo coordinador do centro médico e por membros do goberno local

A deputada comprométese a levar ao Parlamento galego as demandas do Concello para que a Xunta dea unha resposta

20240708 Padron alcalde deputada visitan defiencias centro saude 8

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, trasladoulle á deputada socialista Patricia Iglesias as principais demandas que o goberno municipal lle ten solicitado á Xunta de Galicia, entre as que figuran o arranxo do centro de saúde, que necesita unha reforma integral; a creación dunha residencia-centro de día para a terceira idade; e que a Xunta asuma a xestión da escola infantil de Padrón integrándoa na rede galiña azul.

Patricia Iglesias comprometeuse a trasladar estas demandas ao Parlamento galego, para que a Xunta dea unha resposta e acabe “coa situación de deslealdade institucional e de infrafinanciamento na que se atopan todos os concellos galegos”. Segundo a deputada, e como ocorre en Padrón, “os concellos están a asumir moitas competencias impropias, que lle corresponden á Xunta de Galicia”.

A deputada do PSdeG-PSOE visitou este luns o Concello de Padrón e mantivo unha reunión de traballo co alcalde e con membros do goberno municipal para coñecer as principais necesidades do municipio. Anxo Arca, Patricia Iglesias e concelleiros do goberno visitaron o centro de saúde, acompañados polo coordinador do centro. Durante a visita, percorreron todo o edificio e puideron observar como as numerosas humidades e a falta de illamento están ocasionando problemas no chan, nos teito e nas paredes do inmoble.

“O centro de saúde está nun estado deplorable e precisa dunha urxente reforma integral. Os pacientes e o persoal do centro viven día a día con humidades na estrutura, cun chan que se desfai e moitos dos equipos e mobiliario están oxidados”, dixo Patricia Iglesias.

Anxo Arca informou á deputada que dende o Concello de Padrón se solicitaron ata tres reunións co conselleiro de Sanidade para tratar a mala situación na que se atopa o centro de saúde padronés. Estas solicitudes, que non obtiveron nunca resposta por parte da Xunta, foron realizadas formalmente polo Concello entre setembro de 2023 e maio de 2024.

Coa finalidade de axilizar os trámites, estas solicitudes de entrevista enviáronse acompañadas dun informe técnico e dun orzamento aproximado. No informe, sinalábase que “as actuais condicións construtivas ocasionan e inciden no deterioro do inmoble, presentando problemas derivados das filtracións e das humidades que se producen pola falta de actuacións xeralizadas na envolvente do edificio (fachada, carpinterías exteriores e cubertas)”. Os técnicos tamén resaltan no seu informe que o estado do centro médico “evidencia unhas condicións desapropiadas para os usuarios (pacientes e traballadores), podendo chegar a considerarse nalgúns aspectos como ‘pouco saudables’ dado o centro do que se trata”. O orzamento aproximado para o arranxo das deficiencias do centro de saúde, segundo cálculos do técnico municipal, ascende a 1.185.325,68 €.

Nova residencia-centro de día

Por outra banda, Anxo Arca defende de xeito prioritario a construción dunha residencia-centro de día en Padrón, xa que “temos que garantir un servizo básico de coidado aos nosos maiores, e que se manteñan preto do lugar onde sempre viviron”.

A necesidade dunha residencia para Padrón vese apoiada polos datos oficiais. O índice de envellecemento da poboación padronesa é dun 23,6%; o índice de senectude é dun 13,1%, e o de dependencia total nesta franxa de idade é dun 40%.
No Concello de Padrón existe un proxecto xa redactado para unha residencia, que estima o custe da súa construción nuns 3.500.000 €, sen engadir a humanización da contorna. “É xusto que o Concello lle reclame servizos básicos á Xunta de Galicia, e máis se comparamos o seu orzamento anual de 14.000 millóns de euros fronte aos 10 millóns do Concello”, finaliza o alcalde.

Escola infantil como galiña azul

Por último, o Concello de Padrón xa ten un proxecto para construír unha nova escola infantil municipal con capacidade para atender 70 menores, cun orzamento aproximado de 800.000 €. 

A día de hoxe, a xestión da escola infantil está financiada polo Concello, o que supón un custo moi importante para as arcas municipais. É por isto que o goberno de Anxo Arca aspira a que a Xunta integre a escola infantil de Padrón na súa rede de galiñas azuis.

20240708 Padron alcalde deputada visitan defiencias centro saude 14

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…