-
O alcalde de Padrón puxo en valor a “enorme beleza do mar de Arousa e da confluencia do río Sar e Ulla” e “o patrimonio natural riquísimo con que conta Galicia e que os galegos e galegas temos que ter en mente e defender sempre”
-
Pontecesures acolleu á peregrinación organizada pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, formou parte da comitiva que recibiu esta tarde en Pontecesures aos participantes na 38ª Conmemoración da Traslatio. Organizada pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a cita deste sábado reuniu a unha flota de máis de 500 persoas que partiu de Cambados para recrear o histórico remonte dos discípulos Teodoro e Atanasio co corpo do Apóstolo Santiago no ano 44, dando orixe á tradición xacobea.
A presenza de Anxo Arca no evento subliña a importancia histórica e cultural desta recreación e a conexión coa Traslatio dos restos do Apóstolo Santiago. Ademais, reflicte o compromiso do Concello de Padrón coa preservación das tradicións e a promoción do patrimonio cultural e turístico da comarca. Así o manifestou Anxo Arca na súa intervención pois, ademais de dar a benvida a todos os presentes, destacou a tradición Xacobea “e a enorme beleza do mar de Arousa e da confluencia do río Sar e Ulla”. “Isto crea conciencia e espero que todas e todos vostedes teñen presente que os galegos temos un patrimonio natural riquísimo que temos que ter en mente e defender sempre”, insistiu.
O acto de recepción contou tamén coa presenza como anfitrión do concelleiro de Obras do Concello de Pontecesures, Jorge Janeiro; do alcalde de Cambados, Samuel Lago, que entregou ao representantes de Padrón e de Cambados como regalo pola súa hospitalidade unha botella de viño; do alcalde de Dodro Xabier Castro; da concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga; do director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín Ferreiro; e do presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sanchez-Agustino, entre outras autoridades. Entre as numerosas persoas que formaron parte da peregrinación tamén estaba presente a actriz Isabel Blanco.
A Banda Municipal de Padrón tamén participou no acto coa interpretación da Salve e do Himno Galego.
O obxectivo desta peregrinación fluvial inclúe a promoción cultural, turística e económica dos concellos polos que pasa a ruta.