-
Arrancan as accións informativas a pé de rúa
-
O colector marrón estará colocado a partir do 1 de xullo
O alcalde do concello de Padrón, Anxo Rei, e a concelleira de medio ambiente, Ana Belén Castro, inauguraron este luns 24 de xuño, na praza de Macías, a campaña de sensibilización e divulgación do novo contedor marrón dirixida a todas as familias do concello. O alcalde fixo fincapé na importancia de separar ben os residuos e animou á cidadanía a sumarse e utilizar axeitadamente este novo contedor.
A poboación poderá dirixirse á carpa de ‘Ti tes a Chave’ en varias prazas da vila durante os meses de xuño e de xullo para informarse do seu funcionamento e recoller a súa chave.
O contedor marrón estará colocado a partir do 1 de xullo para que os veciños e as veciñas comecen a utilizalo. Haberá moitas máis accións informativas a pé de rúa nas vindeiras semanas e meses, xa que este é un proxecto que ven para quedarse.
Ademais da chave, a cal se poderá recoller nese mesmo punto informativo, proporcionarase un cubo de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo para facer un bo uso do colector.
A concelleira Ana Belén Castro quixo recordar que na zona rural utilizaranse composteiros para este tipo de residuos e indicou que “queremos ser máis sostibles e iso só será posible coa implicación de toda a cidadanía, por iso queremos facer unha chamada á participación das familias de Padrón neste novo proxecto, que de seguro sentará as bases do que será a futura recollida de lixo da nosa vila”.
O obxectivo do Concello de Padrón é adaptarse aos novos criterios de xestión de residuos que indican tanto desde Europa como desde a propia Xunta de Galicia. Case a metade do lixo que se producen nas casas é materia orgánica, por iso para cumprir coa lexislación vixente é moi importante que se defina cal vai a ser o modelo ao respecto. A proposta que ofrece Sogama entenden que se adapta ás necesidades da cidade, por iso optan por poñer en marcha un novo proxecto: o colector marrón.
Este novo depósito ten a particularidade de estar pechado coa finalidade de concienciar á veciñanza da separación de residuos orgánicos.
Que residuos se deben meter neste colector
En canto aos residuos que deben ir neste colector marrón son: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cocina, restos de plantas, cortizas, e definitiva calquera resto orgánico.
Pola contra, o que nunca debe depositarse neste colector é, os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.