-
O pavillón grupo escolar acolleu as diferentes exhibicións e a entrega de medallas
-
O alcalde, Anxo Arca, e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, gozaron xunto á veciñanza das habilidades que adquiriu a rapazada ao longo dos últimos meses

O Concello de Padrón clausurou este xoves o curso 2023/24 das escolas deportivas municipais cun acto no pavillón polideportivo Grupo Escolar que incluíu unha exhibición e a entrega de medallas aos participantes nas diferentes modalidades deportivas.
Durante a exhibición, os asistentes gozaron co talento e esforzo dos máis de 150 nenos e nenas que participaron nos últimos meses nas actividades de tenis, xadrez, atletismo, baloncesto, fútbol sala, voleibol, ximnasia rítmica e patinaxe artística. Estes mozos e mozas amosaron as habilidades que desenvolveron ao longo do curso e deixaron para o recordo momentos únicos cos seus bailes e a súa destreza co balón.
O alcalde, Anxo Arca, e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, foron os encargados de entregar as medallas recoñecendo así o compromiso e a dedicación dos participantes. Este acto de clausura representa unha oportunidade para celebrar o deporte e a convivencia, destacando a importancia da actividade física na formación e desenvolvemento persoal da cativada.
Con este evento, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso co deporte e a promoción de hábitos saudables entre a xuventude, animando á cidadanía a participar e apoiar estas iniciativas.