-->

Anxo Angueira fai medrar a lenda literaria de Padrón co seu ingreso na Real Academia Galega

Agradece o acollemento “na vila e na terra de Rosalía de Castro”, na que leu por primeira vez algo en galego  ||  

O alcalde, Anxo Arca, considera este acontecemento como “o acto cultural de máis categoría das últimas décadas”  ||  

O novo académico foi recibido no Concello, asinou no Libro de Honra e participou na ofrenda floral na estatua de Rosalía  ||  

 

20240427 Padron Anxo Angueira ingresa na RAG 32

 

A lenda literaria de Padrón segue medrando. Anxo Angueira Viturro, natural de Dodro pero considerado xa un padronés máis, incorporouse esta mañá como académico de número á Real Academia Galega (RAG), nunha sesión extraordinaria que, por primeira vez, se celebrou na capital do Sar. O alcalde, Anxo Arca, non dubidou en cualificar este acontecemento “como o acto cultural de máis categoría das últimas décadas”.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro dende 2012 e profesor da Universidade de Vigo, pronunciou o discurso I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, no que fixo múltiples referencias a Padrón. Durante a súa intervención, agradeceu que “un acto desta importancia teña lugar por primeira vez en Padrón, na terra de Macías o Namorado, de Juan Rodríguez ou do Nobel Camilo José Cela”, entre outros persoeiros relacionados con Rosalía de Castro. 

“Beizón por me acollerdes na vila e na terra de Rosalía de Castro”, engadiu o novo académico da RAG, sinalando que foi en Padrón onde estudou EXB, BUP e COU e onde leu “por primeira vez algo escrito en galego: os versos gravados na pedra da estatua rosaliana do Espolón”. O edificio que actualmente acolle o auditorio padronés, onde se celebrou o acto, era o instituto onde Anxo Angueira estudou antes de ir á universidade. “Comprenderán que sinta certa conmoción por tal feito”, asegurou.

20240427 Padron Anxo Angueira ingresa na RAG 61

Anxo Angueira ocupa na RAG a cadeira que quedou vacante en marzo de 2023 tras o pasamento de Salvador García-Bodaño, a quen escoitara por primeira vez, coñecera e tratara en padrón.

En nome da Real Academia Galega deulle resposta a académica Chus Pato co seu discurso O Chevrolet do Camoiras e a palabra Rexurdimento, e que definiu a Anxo Angueira como “un dos nosos”.

O auditorio padronés quedouse pequeno para acoller ás preto de 400 persoas que asistiron ao acto. Ademais de familiares, amigos e veciñanza, acompañaron a Anxo Angueira no seu ingreso da RAG o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín Garcia, os alcaldes de Rois, Dodro, Pontecesures, Catoira e Rianxo e a deputada autonómica Silvia Longueira.

Antes de rematar, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu públicamente a colaboración do alcalde e do Concello de Padrón para facilitar que o acto se puidese celebrar no auditorio municipal.

20240427 Padron Anxo Angueira ingresa na RAG 19

Recepción no Concello e ofrenda

Antes de celebrarse a sesión extraordinaria da RAG, o alcalde, Anxo Arca, presidiu a recepción oficial que o goberno padronés lle dedicou hoxe a Anxo Angueira, quen asinou no Libro de Honra do Concello xunto ao presidente da RAG, Víctor Freixanes. O alcalde agradeceulle tanto ao novo académico como ao presidente da Academia que escolleran “Padrón para celebrar un acto tan significativo e de tanta relevancia cultural. Para nós é un orgullo que un padronés máis como é Anxo Angueira se incorpore á Real Academia”.

O alcalde resaltou tamén o intenso traballo que Anxo Angueira leva facendo dende 2012 como presidente da Fundación Rosalía de Castro, “conseguindo que moitos galegos sintamos a casa onde viviu a escritora como se fose a nosa propia casa”.

O grupo O Pedrón interpretou unha alborada e o Himno Galego.  Despois, a comitiva desprazouse ata o paseo do Espolón para facer unha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía. Dende aquí trasladáronse ata o auditorio municipal, onde se celebrou a sesión extraordinaria da RAG coa asistencia dunhas catrocentas persoas.

20240427 Padron Anxo Angueira ingresa na RAG 37

Numerosas publicacións

Anxo Angueira Viturro é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.

Como investigador e ensaísta, cómpre destacar tamén, entre as achegas sobre distintos autores, os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).

Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía, ao que lle seguiron os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.

O académico electo compaxina a súa faceta literaria e investigadora cun intenso labor como activista cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…