-
O Concello ofrece unha ampla axenda de actuacións dirixida ao público de todas as idades
-
O programa ábrese o venres 10 de maio coa presentación de ‘A libraría máxica’ a cargo de Inventi Teatro
-
O Festival das Letras Galegas organizado pola Coral Polifónica Padronesa, os monicreques ‘Luisa Villalta e o violino de vento’ e a peza ‘Isaura e Tristán. Contastorias’ completan a proposta
O Concello de Padrón súmase á conmemoración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luisa Villalta, coa celebración do Mes das Letras. Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar a creación literaria en galego e a defensa do idioma.
A intensa axenda de actividades ábrese o venres 10 de maio, a partir das 20.00 horas, coa presentación teatral a cargo de Inventi Teatro titulada A libraría máxica. Este evento, que se levará a cabo na emblemática praza de Macías, promete mergullar ao público nun mundo fantástico onde os libros cobran vida e o extraordinario non ten límites.
O sábado 18, ás 19.00 h, a Coral Polifónica Padronesa organiza o XXXVI Festival das Letras Galegas coa participación, ademais, da Coral "A Lembranza" de Sada e da Coral Polifónica Máximo Gorki, de Vigo. O concerto permitirá achegar ao público diferentes obras do cancioneiro popular creando un ambiente de harmonía e celebración da identidade cultural galega.
O venres 24 de maio, ás 20.00 horas, a cativada poderá gozar de Títeres Brincadeira con Luisa Villalta e o violino de vento, unha obra que ofrece unha oportunidade única para coñecer máis sobre a vida e o legado da escritora homenaxeada neste 2024 dunha maneira lúdica e accesible a todas as idades.
Pechando o Mes das Letras, o venres 31 de maio, ás 20.00 horas, Fantoches Baj presenta Isaura e Tristán. Contastorias, unha enxeñosa peza teatral para o público familiar creada a partir do último libro de Villalta: As chaves do tempo. Esta presentación, que tamén se levará a cabo na praza de Macías, é un tributo á rica herdanza cultural de Galicia e ao papel fundamental que xogan os contos e lendas na transmisión da identidade galega.
Co Mes das Letras Galegas, o goberno local de Padrón quere facer partícipe a toda a veciñanza da celebración desta data tan especial que serve de tributo á lingua, á literatura e á cultura galegas, ao tempo que permite coñecer mellor a figura e a obra de Luisa Villalta.
O programa de actuacións conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.