-->

Padrón aproba en pleno presentar alegacións ao proxecto de Altri en Palas de Rei

  • O goberno local solicita á Xunta que “denegue a autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública e a implantación da industria de fibra téxtil”

  • O alcalde, Anxo Arca, asevera que “o macroproxecto de Altri tal e como está plantexado constitúe un atentado contra o patrimonio natural de Padrón e de Galicia”

  • “Continuaremos a defender o patrimonio natural e a saúde da cidadanía pese a quen lle pese”, subliña o rexedor

O Concello de Padrón amosa o seu rexeitamento á implantación dunha macrocelulosa en Palas de Rei e presenta alegacións “en defensa da calidade da auga potable” do municipio a un proxecto que “prexudicaría gravemente o interese xeral” da veciñanza e que deriva en consecuencias “desastrosas” para o segundo curso fluvial en importancia de Galicia.

Na sesión extraordinaria urxente do pleno celebrada este mércores 17 de abril, o goberno local acordou solicitar á Xunta que “denegue a autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e a implantación da industria de fibra téxtil a base de celulosa” que a empresa Greenfiber SL quere desenvolver en Palas de Rei.

O alcalde, Anxo Arca, de xeito contundente, declara que “o macroproxecto de Altri tal e como está plantexado constitúe un atentado contra o patrimonio natural de Padrón e de Galicia, e pon en risco o abastacemento e a calidade da auga procesada na nosa estación de tratamento de augas potables que abastece non só a Padrón, senón que tamén surte a Catoira, Boiro, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e mesmo Vilagarcía de Arousa, o que suma un total de 90.000 usuarios na rede”.

“As padronesas e padroneses deben ser conscientes do lesiva que sería a execución do proxecto de Altri para o municipio e que o Concello de Padrón continuará a defender o patrimonio natural e a saúde da cidadanía pese a quen lle pese”, engade o rexedor.

Graves consecuencias

Na serie de alegacións presentadas polo Concello de Padrón, insístese nas “graves repercusións” que terá a execución desta macrocelulosa no sistema fluvial do río Ulla que atravesa a vila. Ademais, sublíñanse os prexuízos derivados da captación de 46.000.000 litros por día do río Ulla no encoro de Portodemouros durante os 75 anos de concesión á empresa “nun escenario de seca” e “para os recursos hídricos dependentes do segundo curso fluvial en importancia de Galicia”. A vertedura ao río de 30.000 m3 diarios de augas procedentes da actividade industrial con temperatura superior aos 20º afectaría tamén ao ecosistema fluvial “na calidade das augas, a redución do seu contido de osíxeno, o incremento da actividade bacteriolóxica...”, unhas consecuencias “que só poden cualificarse de desastrosas”.

O escrito sinala que proxecto de Altri “estaría a infrinxir todo o réxime de protección da conca que ven de aprobar recentemente co Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, e no mesmo acto procedería á destrución das múltiples iniciativas de protección e mellora do patrimonio natural na que se teñen invertido inxentes cantidades de recursos públicos”.

O Concello de Padrón tamén recordar que a ETAP de Padrón abastece aos Concellos de Padrón, Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, estando conectado así mesmo o Concello de Vilagarcía de Arousa, captando auga do río Ulla, polo que “os efectos perniciosos da vertedura de augas procedentes de usos industriais inciden directamente na calidade da auga” do propio municipio padronés pero tamén dos Concellos da marxe dereita da ría de Arousa.

Entre as alegacións presentadas chámase a atención sobre a “eucaliptización da política forestal galega”. O grupo de goberno padronés considera que de levarse adiante o proxecto degradaríase un dos sistemas fluviais máis importantes de Galicia, incluído na Rede Natura 2000. As repercusións afectarían así mesmo ao monte “co fomento do autocultivo de especies pirrófitas” e á paisaxe “deixando a planificación forestal, hidrolóxica e ambiental aprobada pola propia Xunta de Galicia en simple papel mollado”.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…