-
Esta medida dá resposta ao compromiso electoral do actual grupo de goberno e busca rematar coa precariedade existente
-
A selección de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo levarase a cabo mediante o sistema de concurso
-
O prazo de admisión de solicitudes remata o 26 de abril
-
O proceso conta co apoio dos sindicatos e do comité de empresa
O Concello de Padrón anuncia a convocatoria dos procesos de estabilización de emprego temporal para dar cobertura ás prazas incluídas na oferta de emprego público extraordinario do 2022.
Esta medida urxente para a redución da temporalidade no emprego público xurde ao amparo da disposición adicional sexta da Lei 20/2021 do 28 de decembro e dá resposta ao compromiso electoral do actual grupo de goberno. O obxectivo é normalizar a situación laboral dos traballadores e traballadoras municipais rematando coa precariedade existente. O proceso conta co apoio dos sindicatos e do comité de empresa.
A selección de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo levarase a cabo mediante o sistema de concurso.
Este proceso de estabilización realizarase en dúas fases. Nesta primeira ofértanse 42 prazas e nunha segunda quenda sairán a concurso o resto dos postos a estabilizar.
Os procedementos convocados inclúen os postos de albanel de obras; animador/a cultural; alguacil-porteiro/a; animador/a cultura; arquitecto/a; arquitecto/a técnico/a; asesor/a xurídico/a; auxiliar de biblioteca, administrativo/a e de servizo de axuda no fogar; axente de emprego e desenvolvemento local; conserxe de deportes; coordinador/a de voluntariado; limpador/a de centros educativos e de edificios municipais; monitor/a deportivo/a; técnico/a de información, de turismo, deportivo/a e de intervención familiar; traballador/a social; varredor/a; e xardineiro/a.
Esta convocatoria servirá tamén para crear unha bolsa de emprego para a cobertura de postos de traballo con carácter interino ou temporal integrada por todas aquelas persoas aspirantes que non superasen o proceso.
O prazo de solicitude de instancias remata o venres 26 de abril.
As instancias solicitando participar no proceso deben presentarse no Rexistro Xeral de Documentos do Concello de Padrón, ben presencialmente nas oficinas da casa consistorial (rúa Longa, número 27 en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres) ou ben a través da sede electrónica do Concello.