A cativada será a gran protagonista das citas organizadas con motivo da celebración do Día do Libro //
Ao contacontos ‘O xogo de Nano’ e aos obradoiros de arteterapia e pop up súmase o agasallo dun lapis infinito o martes 23 de abril //
As prazas son limitadas polo que se precisa inscrición previa //
O martes 23 de abril celébrase o Día do Libro, unha data especial que busca promover o amor pola lectura e a escritura, recoñecer o valor da literatura na cultura e renderlle homenaxe ao traballo dos autores.
Na biblioteca municipal do Concello de Padrón conmemoramos o Mes do Libro con tres actividades especialmente pensadas para a rapazada e para o público familiar.
A primeira delas terá lugar xa este mércores 17 de abril ás 18.00 horas e está dirixida ao público infantil entre 1 e 5 anos: ‘O xogo de Nano’.
Esta peza, que forma parte dos Nanocontos creados por Raquel Queizás, estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese.
O martes 23 toda a familia poderá gozar con ‘Son super!’, un obradoiro de arteterapia que comeza ás 17.00 horas. A cativada a partir dos seis anos, acompañados dunha persoa adulta, desfrutará desta actividade que axuda a expresar emocións, sentimentos e experiencias mediante imaxes, trazos e cores.
A biblioteca municipal acolle tamén o 30 de abril, dende ás 17.00 horas, ‘Xogando coas nubes’, un obradoiro de técnicas pop up. A mocidade de 7 a 15 anos terá a oportunidade de crear deseños creativos e sorprendentes de xeito divertido.
As tres actividades contan con prazas limitadas polo que é preciso inscribirse chamando aos números de teléfono 981 810 761 ou 645 846 479.
Ademais, para celebrar o Día do Libro, todas as persoas que se acheguen ata a biblioteca municipal o martes 23 recibirán como agasallo un lapis infinito.