-->

O Concello de Padrón homenaxea a Xosé García Lapido e a Xosé Luis Amigo no acto de conmemoración do Día da Memoria Democrática

O goberno local organizou a primeira edición deste certame que recoñece o labor das persoas que loitaron pola liberdade durante a Guerra Civil e a ditadura  ||  

O alcalde Anxo Arca afirmou que se abre unha etapa de recoñecemento e de busca da verdade en Padrón e fixo “unha desculpa pública a toda as vítimas da represión franquista, ás súas familias e a todas as persoas que defenderon a liberdade e a democracia do noso pobo”  ||  

O Xardín Botánico-Artístico foi o escenario deste tributo que incluíu a plantación dunha árbore da memoria e as actuacións da banda municipal de Padrón e do dúo de acordeóns Ad Libitum  ||  

20240414 Padron Dia Memoria Democratica Garcia Lapido Xose Luis Amigo 5

O Concello de Padrón celebrou este domingo a primeira edición do Día da Memoria Democrática padronesa, un evento que nace con vocación de continuidade e que ten como obxectivo concienciar á comunidade sobre as inxustizas sufridas durante a Guerra Civil e os corenta anos de ditadura franquista, así como promover valores como a reconciliación e a liberdade. O acto celebrado ás 17.00 horas no Xardín Botánico-Artístico contou coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca; os membros da corporación municipal; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; representantes da Fundación Camilo José Cela e das diferentes asociacións de Memoria e vítimas da represión, ademais de numeroso público.  

O Día da Memoria padronesa abriuse coa plantación dun teixo como símbolo de vida e de esperanza nun futuro mellor. “Esta árbore da memoria servirá de testemuña do compromiso do Concello polo fomento de políticas públicas de investigación e difusión da nosa historia como elemento fundamental para aumentar a nosa calidade democrática”, subliñou o alcalde. 

A primeira parte desta cerimonia contou co acompañamento musical do dúo de acordeóns Ad Libitum que interpretou pezas tan coñecidas como ¡Ay, Carmela!, A Internacional ou o Himno de Riego

Na súa intervención, Anxo Arca expresou o seu profundo agradecemento e recoñecemento a todos aqueles que, con valentía e determinación e en diferentes eidos, contribuíron a preservar e promover os principios básicos da sociedade padronesa, e lembrou a figura de Camilo Forján, que na súa etapa de alcalde recuperou os nomes de moitas rúas que ata o momento recoñecían a persoeiros do réxime franquista. 

“Hoxe abrimos unha etapa de recoñecemento, de respecto e de busca da verdade do noso municipio. Para isto considero necesario realizar unha desculpa pública, como alcalde, en nome do Concello de Padrón, a toda as vítimas da represión franquista, ás súas familias e a todas as persoas que defenderon a liberdade e a democracia do noso pobo”, engadiu. “Facer memoria é afondar no coñecemento da verdade. Facer memoria é un gran acto de xustiza para todas as padronesas e padroneses que loitaron pola liberdade e a democracia”, insistiu Anxo Arca.

20240414 Padron Dia Memoria Democratica Garcia Lapido Xose Luis Amigo 13

Recordando aos represaliados 

Nun xesto de respecto e gratitude, neste Día da Memoria Democrática padronesa destacouse a importancia de lembrar o legado daqueles que loitaron pola liberdade coa homenaxe a Xosé García Lapido e Xosé Luis Amigo, coñecido polo alcume de gorrión.

Lapido é membro da executiva da Fundación Rosalía de Castro, fundador da asociación cultural O Sacho, que estivo activa en Padrón e na comarca entre os anos 1975 e 1983, ademais de ser unha persoa moi activa na vida cultural-social padronesa. Na súa intervención recordou que “houbo que esperar 88 anos para que o concello de Padrón realizase este acto en conmemoración de tantísima xente que quedou nas cunetas” e repasou episodios moi duros vividos polos represaliados en Padrón. 

Xose Luis Amigo, militante do BNG e exsindicalista, era un dos organizadores das conmemoracións da República en Padrón cada 14 de abril, tanto na praza de Macías como, o último ano, en Fondo de Vila. Xunto a súa muller Carmiña, a Darío González, Pepe Miguez, David Gago e ao propio Lapido, consensuaban o texto para o manifesto e coidaban cada un dos detalles do acto, onde se adoitaba ler poesía entre cada unha as intervencións. Amigo emprazou ao goberno a “que se faga unha investigación de todos os represaliados padroneses. Gustaríame ver nunha das prazas importantes de Padrón unha placa cos nomes de todo eles, na súa honra e de todas as súas familias que aínda seguen vivindo en Padrón”, dixo. 

Ademais, tanto Lapido como Amigo recordaron os nomes de amigos, compañeiros e persoas que sufriron á represión franquista e ámbolos dous agradeceron ao alcalde Anxo Arca e ao goberno local a “valentía por institucionalizar este acto”. 

Anxo Arca pechou o acto emprazando aos asistentes á seguinte edición, ao tempo que agradeceu a extraordinaria resposta por parte da veciñanza. “Dende o Concello faremos todo o posible por fomentar a investigación, o coñecemento e a posta en valor de toda a acción das persoas que foron represaliadas durante o período terrible franquista”, reiterou.

O acto rematou coa actuación da Banda Municipal de Padrón que ofreceu o concerto ‘Perspectiva historicista’, que incluíu pezas como Suspiros de EspañaSuite 1936La VaquillaBella Ciao e o Himno Galego, con todo o público asistente en pé.

20240414 Padron Dia Memoria Democratica Garcia Lapido Xose Luis Amigo 1

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…