-
O goberno local busca ofrecer un recoñecemento ás persoas que loitaron pola liberdade durante a Guerra Civil e a ditadura
-
O acto celebrarase a partir das 17.00 horas no Xardín Botánico-Artístico
-
Incluirá a plantación dunha árbore da memoria e as actuacións da banda municipal de Padrón e do dúo de acordeóns Ad Libitum
O vindeiro domingo 14 de abril, o Concello de Padrón conmemorará por primeira vez o Día da Memoria Democrática, un evento que busca concienciar á veciñanza sobre as profundas feridas que a sociedade sufriu durante a Guerra Civil e os corenta anos de ditadura e as súas consecuencias. Con esta cita, o goberno local ofrece un recoñecemento público a aquelas persoas que loitaron pola democracia, a xustiza e a liberdade.
Esta xornada adquire un carácter especial en Padrón debido ao seu papel histórico durante esa etapa, albergando entre decembro de 1937 e abril de 1939 un campo de concentración nos terreos da antiga azucreira de Iria Flavia. Por este campo pasaron preto de 3.000 prisioneiros vítimas da represión franquista, moitos dos cales chegaron á vila do Sar por ferrocarril ou transporte marítimo desde Vilagarcía. Este lugar converteuse en testemuña da opresión e o sufrimento de miles de persoas, incluíndo a numerosos galegos e a aqueles que fuxían da represión en Asturias e Cataluña.
O acto conmemorativo deste domingo celebrarase a partir das 17.00 horas no Xardín Botánico-Artístico e incluirá a plantación dunha árbore da memoria, como símbolo de vida e de esperanza nun futuro mellor. Ademais, levarase a cabo un acto institucional no que intervirá o alcalde Anxo Arca, xunto coa participación da banda municipal de Padrón e o dúo de acordeóns Ad Libitum.
O evento, que estará aberto ao público, pretende ser un espazo de encontro e reflexión para todos os cidadáns.
Acto de MoradAura
O Concello de Padrón colabora tamén na celebración da Primeira Xornada aorredor do Campo de Concentración de Padrón: unha ollada feminista que organiza a asociación MoradAura este sábado 13 de abril.
Dende ás 17.30 horas, a Casa dos Capeláns en Iria Flavia acolle unha serie de ponencias, diálogos e intervencións artísticas que servirán de homenaxe ás veciñas que ofreceron os seus coidados e axudaron aos prisioneiros deste campo.
Galego
Español 



