-->

A alcaldesa de Santiago resalta a aposta de Padrón polas voces femininas na Pascua

Goretti Sanmartín e Anxo Arca volven estreitar lazos de amizade entre os dous municipios coincidindo coas Festas de Pascua  ||  

“Rosalía destacaría que Padrón tamén fose pioneiro en ter un equipo feminino de fútbol”, dixo a rexedora compostelá  ||  

O Camiño de Santiago, a Universidade e o comercio son outros aspectos que unen ambos concellos, subliñou o alcalde padronés  ||  

O concerto da Banda de Música compostelá pechou o programa oficial do Día de Santiago en Padrón  ||  

 

20240401 Padron Pascua Dia de Santiago 3

Os Concellos de Padrón e de Santiago volveron estreitar lazos no día dedicado á capital de Galicia nas Festas de Pascua. O alcalde local, Anxo Arca, destacou o Camiño de Santiago, a universidade e a Rosalía de Castro como puntos de unión importantes entre ambos municipios. Goretti Sanmartín, pola súa banda, e lembrando a propia Rosalía, resaltou a importancia que o goberno padronés lle quixo dar este ano á presenza feminina na Pascua e a que tamén fose pioneiro cun equipo de fútbol feminino.

“Estou segura de que Rosalía de Castro destacaría a aposta que fixo este ano o goberno padronés pola presenza feminina nas Festas de Pascua”, dixo Goretti Sanmartín durante a súa intervención no salón de plenos, ademais de destacar que Padrón “foi pioneiro en ter un equipo de fútbol feminino”, facendo alusión ao Santo Cristo de Pazos  fundado en 1981.

20240401 Padron Pascua Dia de Santiago 7

Coincidindo tamén en que tanto Rosalía de Castro como o comercio e o tecido industrial son aspectos que unen aos dous concellos, o alcalde padronés, Anxo Arca, subliñou “a posición que teñen Padrón e Santiago na tradición xacobea”. “É unha evidencia que o Camiño de Santiago, é un camiño que nos une con moitos pobos”, asegurou.

Anxo Arca destacou no seu discurso a “existencia da Universidade de Santiago, que lle abriu unha porta ao mundo enteiro a moitas padronesas e padroneses” e reivindicou a importancia do acto que conmemora o irmandamento entre Santiago e Padrón como “un espazo no que representantes políticos de diferentes ideoloxías atopamos espazos para conversar con tranquilidade e compartir problemáticas que nos son comúns, o que nos permite aprender moito uns doutros”.

O alcalde animou aos membros da Corporación de Santiago e a toda a cidadanía a gozar das Festas de Pascua, a pesares da choiva. Precisamente, as inclemencias meteorolóxicas motivaron que o intercambio de pendóns e de bastóns de mando entre ambas corporacións se celebrase no salón de plenos.

20240401 Padron Pascua Dia de Santiago 9

Tralo acto oficial, Goretti Sanmartín asinou no Libro de Honra do Concello de Padrón e, despois, as dúas comitivas escoitaron a actuación das bandas de música de Santiago e de Padrón na praza de Macías, que rematou coa interpretación dos himnos galego e español.

O concerto da Banda de Música de Santiago pechou os actos oficiais cos que o Concello conmemora o Día de Santiago en Padrón todos os luns de Pascua. Despois, ambas corporacións participaron nun xantar de confraternidade.

O Día de Santiago en Padrón celébrase dende hai máis de 60 anos o luns de Pascua, coincidindo coas Festas de Pascua, e ten continuidade en Día de Padrón en Santiago durante a celebración das festas do Apóstolo.

20240401 Padron Pascua Dia de Santiago 20

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…