-->

O Concello reparte 3.370 euros en premios na Feira Cabalar de Pascua, na que están inscritos 70 animais en todas as seccións a concurso

  • O goberno padronés conta coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego para organizar os concursos morfolóxicos do domingo 31

  • Pola tarde, no Campo da Barca, haberá unha exhibición gratuíta de doma de alta escola 

  • Pecharanse ao tráfico un tramo das estradas AC-307 e da AC-299 entre ás 10.00 e as 17.00 horas para garantir a seguridade

O Concello de Padrón repartirá 3.370 euros en premios entre os exemplares que o vindeiro domingo, 31 de marzo, participen na Feira Cabalar de Pascua, que este ano estará organizada pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. A feira celebrarse no Campo da Barca, de 10.00 a 17.00 horas, motivo polo que se pecharán ao tráfico un tramo das estradas AC-307 e da AC-299 para garantir a seguridade de público e participantes.

A feira cabalar, presente xa no inicio das Festas de Pascua hai máis de tres séculos, tamén volverá ao Campo da Barca o domingo 31 de marzo, coa presenza de gandeiros e criadores de toda Galicia e a celebración dos tradicionais concursos morfolóxicos, que nesta edición estarán organizados pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Este ano o Concello destinará 3.370 euros a premios dos diferentes concursos morfolóxicos, para os que xa están preinscritos 70 animais en todas as seccións. Despois da correspondente retirada de dorsais (9.30 horas), os concursos comezarán ás 10.00 horas coa segunda proba puntuable para a XXIII Copa Galicia Pura Raza Galega de cabalos e eguas maiores de tres anos. Continuará cos de cabalos e eguas cruzadas adultos e, a media mañá, haberá unha proba infantil de ponis. A competición rematará cos animais de pura raza árabe, unha para animais menores de tres anos e outra para adultos, tanto de machos como femias. Antes da entrega de premios verase un avance do espectáculo ecuestre que se celebrará pola tarde.

Na sesión vespertina, tamén no Campo da Barca, as 17.00 horas comezará unha exhibición de doma de alta escola a cargo da compañía La Magia del Caballo, de León, e na que se incluirá unha sección de doma de alta escola de Galicia ‘Dragóns de Santiago’, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Por mor da celebración da Feira Cabalar de Pascua, e para garantir a seguridade dos participantes e público asistentes, o Concello de Padrón vai pechar ao tráfico dúas estradas que pasan preto do Campo da Barca entre as 10.00 e as 17.00 horas. Os tramos que estarán pechados son os da AC-307 (estrada que vai a Dodro e Ribeira), dende o CEIP Flavia ata a ponte de Santiago, e o tramo da AC-299 (que vai a Rois e Noia pola Trabanca) dende a ponte de Santiago ata Casa Pérez, en Extramundi. O tráfico rodado desviarase polas rúas e estradas adxacentes.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…