-
O xurado, presidido polo alcalde, destaca a capacidade do galardoado para innovar e construír novas linguaxes teatrais //
-
Valora tamén a súa dilatada traxectoria como actor no teatro de obxectos e físico //
-
Fíxase no seu traballo en ‘O deus do pop’, obra individual que tamén escribiu e dirixe //
O actor compostelán Diego Anido converteuse hoxe no gañador da 23ª edición do Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva que outorga o Concello de Padrón. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, quixo recoñecer así a dilatada traxectoria do galardoado en distintas facetas do eido teatral, así como a súa capacidade para innovar e construír novas linguaxes fixándose sobre todo no seu labor de investigación, creación e interpretación na peza ‘O deus do pop’.
Diego Anido, que se fixo coñecido para o gran público grazas ao seu papel de Lorenzo na premiada película As bestas, atesoura varias décadas de traballo no mundo do teatro non só como actor senón tamén como autor. En ‘O deus do pop’, obra coa que percorreu Galicia ao longo do pasado ano, desenvolveu as tarefas de escritura, dirección, escenografía, música, coreografía e interpretación, un feito que destaca o xurado do premio Maruxa Villanueva.
Ademais, o galardón valora a súa dedicación tanto ao teatro de obxectos como ao teatro físico ao longo da súa carreira e salienta a súa “audacia creativa” así como o labor que vén desenvolvendo na “construción dramatúrxica dende as linguaxes híbridas”.
Integrante de varios grupos de teatro e colaborador do Centro Dramático Galego, Diego Anido asinou con O deus do pop a súa quinta peza individual. Fóra do teatro, participou como actor en series de televisión como Pepe o Inglés e diversas películas. O ano 2022 marcou un punto de inflexión na súa carreira ao gañar o Pemio Mestre Mateo polo seu papel en Malencolía, de Alfonso Zarauza, e moi especialmente ao ser un dos catro candidatos ao Goya a mellor actor secundario pola súa aplaudida interpretación en As bestas, de Rodrigo Sorogoyen, formando tándem con Luis Zahera, quen levou finalmente o premio.
Diego Anido recibirá como premio 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto da actriz Maruxa Villanueva nun acto que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón e que servirá como excusa para que a veciñanza da capital do Sar poida velo sobre o escenario con ‘O deus do pop’.
Ademais de por Anxo Arca, o xurado, reunido hoxe pola mañá no centro social do Concello de Padrón, estivo formado polos profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, Afonso Becerra e Roberto Pascual; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernández; e a animadora social de Padrón, María Cruz Taboada.
O Concello de Padrón, vencellado estreitamente a grandes figuras literarias, resalta con este premio o seu compromiso coa literatura e coas letras galegas, sendo tamén promotor do premio de narrativa Camilo José Cela e do certame poético Rosalía de Castro.