O Concello de Padrón lanza a convocatoria para a edición número 34 do Premio Literario Camilo José Cela, dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa para a obra gañadora. O certame, un dos máis consolidados de todo o Estado e que cada ano conta con maior número de exemplares presentados, tivo como último vencedor ao escritor bilbaíno Iñaki Túrnez pola súa obra ‘Divina Apostasía’.
As persoas que desexen participar neste 2024 deben enviar obras orixinais e inéditas dunha extensión entre os 12 e os 25 folios, escritas en galego ou en castelán. O prazo de entrega finaliza o 15 de xullo e o xurado entregará o seu fallo antes do 31 de decembro.
Os traballos poderán presentarse no rexistro de entrada de documentos do Concello de Padrón ou por correo postal, sempre por quintuplicado, sen sinatura e cun lema.
O Premio Literario Camilo José Cela foi creado polo Concello de Padrón en 1989 como homenaxe perpetua á figura humana e literaria do escritor, Premio Nobel de Literatura ese mesmo ano.