-
Os instrumentos de percusión en Galicia, o idadismo ou a olería galega centran os seminarios e sesións prácticas
-
O programa desenvolverase entre o 22 de abril e o 3 de maio
O programa da USC Camiños de coñecemento e experiencia regresa en abril ao Concello de Padrón para ofrecerlles formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos. Esta iniciativa inclúe tres seminarios teóricos e dúas sesións prácticas, que se desenvolverán entre o 22 de abril e o 3 de maio, de catro e media a seis da tarde. A matrícula é gratuíta e pode realizarse no Centro Social en horario de 9.00 a 14.00 horas.
O ciclo ábrese o luns 22 de abril cun seminario sobre a relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural galego, no que María González Blanco realizará unha aproximación á historia da música galega e aos instrumentos de percusión. A docente de Ciencias da Educación, xunto con Lusine Grigoryan Zohrabyan, dirixirán un obradoiro práctico de ritmo e percusión o martes día 23.
O idadismo será o tema central do segundo seminario, que se desenvolverá nas tardes do mércores 24 e xoves 25 de abril. Baixo o título Idadismo: desterrando prexuízos, a profesora colaboradora do Programa Universitario de Maiores da USC Nieves Rodríguez Solar guiará aos asistentes a través dunha exploración dos prexuízos e estereotipos asociados á idade, buscando promover unha visión máis inclusiva e respectuosa das persoas maiores.
A sesión do venres 26 de abril centrarase na artesanía. No seminario titulado A olería popular de Galicia: da barreira á praza da vila, o doutor en Historia Anxo Rodríguez Lemos explorará tanto a evolución histórica da olería galega como a súa relevancia cultural contemporánea. Ademais, dirixirá tamén unha sesión práctica titulada A olería galega a través das súas formas, que pechará o programa o venres 3 de maio.
Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento fai parte do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, entidade que organiza o programa co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Na edición de 2024 participan os concellos de Padrón, Arzúa, Porto do Son, Rianxo, Melide, Muros, Noia, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Teo, Vedra, Ordes e Outes.
Ligazón ao programa completo de Camiños de coñecemento e experiencia 2024.