-->

O Concello de Padrón rende homenaxe a Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento

  • A tradicional ofrenda de flores na estatua do paseo do Espolón abriu os actos oficiais do Día de Rosalía 

  • O alcalde de Padrón, Anxo Arca; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, participaron na convocatoria

  • Alumnos dos IES Camilo José Cela e Macías o Namorado recitaron poemas da escritora

  • “Rosalía une xeracións e une tamén a persoas de diferente ideoloxía”, insistiu Anxo Arca ao tempo que recomendou “visitar o museo de Rosalía para descubrir un futuro en feminino”

20240223 actos institucionais Padron77

 

A tradicional ofrenda de flores, a música na súa lembranza e a lectura de poemas foron algúns dos actos de homenaxe a Rosalía de Castro que se levaron a cabo esta mañá en Padrón coincidindo co 187 aniversario da escritora. A vila que acolleu á autora galega máis universal durante gran parte da súa vida volveu gozar dun 23 de febreiro cheo de citas na súa memoria.

O grupo de gaitas Os Carapaus amenizou o paseo da comitiva de autoridades encabezada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ata o paseo do Espolón. Acompañados por membros da Corporación padronesa, da fundación rosaliana, do alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías o Namorado e da veciñanza, as autoridades depositaron unha coroa de loureiros aos pés da estatua de Rosalía.

20240223 actos institucionais Padron (4)

O grupo trasladouse despois ata a praza de Macías, onde o alcalde subliñou o carácter vertebrador da figura da escritora. “Rosalía únenos a todas e a todos, é algo que repetimos moito, porque a pesar de ser un personaxe do século XIX pervive hoxe en día mantendo toda a súa vixencia. Rosalía une xeracións e une tamén a persoas de diferente ideoloxía”, insistiu o rexedor de Padrón. Anxo Arca pechou a súa intervención cunha recomendación: “Non deixedes de visitar o museo de Rosalía para descubrir un futuro en feminino”.

Pola súa banda, Anxo Angueira, ademais de desexar un “Feliz Día de Rosalía de Castro!” ás persoas participantes no acto, recordou que “aquí, en Padrón, comeza un camiño de celebracións que abarca toda Galicia e que se estende por fóra porque celebramos a unha padronesa, celebramos a Rosalía de Castro”.

20240223 actos institucionais Padron (2)

O presidente da Fundación Rosalía insistiu na mensaxe do alcalde ao sinalar que a homenaxeada é “unha muller que nos une a todos, sexamos da condición que sexamos, de aquí ou de acolá”. “Rosalía únenos e ademais represéntanos no mundo, é a cara visible de Galicia no mundo”, valorou antes de engadir: “E sobre todo, Rosalía móvenos. Ese é un gran milagre.

O acto pechouse coa participación dos alumnos e alumnas dos dous centros de secundaria de Padrón que recitaron poemas da escritora.

Ao remate destes actos, o alcalde de Padrón trasladouse ata Santiago para acudir á homenaxe a Rosalía que se levou a cabo na praza de Vigo e no Hostal dos Reis Católicos coa presenza do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras autoridades.

Anxo Arca procedeu á lectura de poemas rosalianos xunto a outras autoridades.

20240223 dia rosalia santiago2

Máis actividades

A degustación nos locais hostaleiros de Padrón do caldo de gloria e as pequenas representacións do grupo de teatro Os Quinquilláns a partir das 20.00 horas neses mesmos establecementos forman parte tamén das actividades programadas para este 23 de febreiro en Padrón.

O Caldo de Gloria será tamén protagonista do acto que terá lugar na Casa de Rosalía ás 19.00 horas cunha elaboración que correrá a cargo de Suso, do Dezaseis, e da cantante Uxía. Un concerto de Faia, programado para as 20.00 horas, pechará esta intensa xornada.

Tamén participa nesta celebración a Rosalía o alumnado das escolas unitarias de A Ponte, A Escravitude, Arretén e Extramundi, que achegou á biblioteca municipal de Padrón flores con versos do poema “Adiós ríos, adiós fontes”. Poderanas ver durante todo o mes todas as persoas que visiten as instalacións.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…