-
A décima edición das Xornadas gastronómicas da lamprea desenvolveranse nas dúas primeiras fins de semana de marzo //
-
Os restaurantes O Secreto, Pulpería Rial, O Santiaguiño e Farrucán ofrecerán menús lampreeiros a un prezo único de 50 euros //
-
Persoas adultas e cativada terán a oportunidade de aprender a cociñar este manxar //
-
Dous obradoiros achegarán ao público ás moitas peculiaridades desta delicia do Ulla //
Padrón exaltará un dos seus produtos máis xenuinos na décima edición das Xornadas gastronómicas da lamprea, que se desenvolverán nas dúas primeiras fins de semana de marzo. Un total de catro establecementos ofrecerán a posibilidade de degustar os seus menús lampreeiros a un prezo único de 50 euros os días 1,2,3, 8, 9 e 10 de marzo. Ademais, un showcooking, un certame infantil de cociña e dous obradoiros divulgativos contribuirán a dar a coñecer tamén a cotizada delicia do Ulla.
Restaurante O Secreto, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán son os establecementos aos que poden dirixirse ás persoas que queiran degustar os menús lampreeiros, formados por entrantes, un segundo plato de lamprea, sobremesa e bebida. As opcións de cada restaurante, nas que destaca a tradicional preparación á bordalesa, poden consultarse na web de Turismo de Padrón e é preciso facer reserva previa chamando directamente ao local elixido, sempre tendo en conta que a dispoñibilidade dependerá da existencia de produto.
O Concello de Padrón completa estas xornadas gastronómicas cunha serie de actividades nas que a lamprea é a protagonista e que teñen como fin dar a coñecer a historia e as peculiaridades dun manxar que vén celebrándose na zona do río Ulla dende época romana e que hoxe en día só se pode atopar dentro da Península en áreas moi concretas de Galicia. A súa singularidade vén, ademais, reforzada polo feito de que se trata dun produto altamente estacional que únicamente se pode degustar nesta época.
Actividades complementarias
O programa de actividades abrirase o venres 1 de marzo cun showcooking no que as persoas participantes terán a oportunidade de seguir as explicacións dun cociñeiro experto para elaborar en vivo tres platos con lamprea. A inscrición, gratuíta, poderá facerse na web de Turismo de Padrón a partir do 15 de febreiro ás 12.00 horas e as prazas, limitadas e dirixidas a persoas adultas, outorgaranse por rigorosa orde de apuntamento.
O sábado 2 será a cativada quen teña a oportunidade de demostrar as súas dotes culinarias no obradoiro infantil que se desenvolverá no auditorio a partir das once da mañá. Nenas e nenos de entre 5 e 12 anos encargaranse de cociñar dous pratos nos que utilizarán a lamprea como ingrediente principal. A inscrición abrirase tamén o 15 de febreiro en www.padrontruismo.gal/inscricions.
Xa na seguinte fin de semana, en concreto o sábado día 9 de marzo, desenvolveranse dous obradoiros de divulgación científica que nos achegarán ás moitas peculiaridades da lamprea. O primeiro, para cativada de entre 6 e 12 anos, terá lugar ás 11 da mañá e leva por título ‘Tes un primo prehistórico’. O segundo desenvolverase a partir das sete da tarde e nel as persoas adultas poderán saber ‘Por que falar de monos tendo lampreas?’. Como nos casos anteriores, a inscrición para ámbalas actividades farase na web de Turismo de Padrón a partir do 15 de febreiro.