-
A primeira das citas será este luns día 12 cunha tarde chea de xogos e actividades para a cativada
-
O desfile de Entroido que percorrerá as rúas do concello será o sábado 17
-
A troula continuará á noite coas actuacións de Somozas Trío e dos DJ’s Rokiño e Casanova
O Concello de Padrón ten preparada unha gran festa para que a veciñanza e os visitantes gocen dun Entroido cheo de troula e de actividades para todas as idades e todos os gustos.
A primeira das citas será xa este luns día 12 de febreiro coa celebración da Festa Infantil. Entre as 17.00 e as 20.00 horas, a praza de Macías acollerá na carpa diferentes propostas de lecer para a cativada que van dos obradoiros de disfraces, aos postos de lambetadas e flocos de millo, un photocall para deixar constancia do gran día e animación musical cun DJ. Tamén ao longo da tarde uniranse á troula varias mascotas de animación.
Despois desta convocatoria, o Entroido continuará en Padrón o sábado 17 co desfile polas rúas da vila e o concurso de disfraces que repartirá máis de 5.400 euros en premios. O prazo de inscrición para participar remata o xoves día 15.
O desfile comezará ás 17.00 horas e percorrerá a Avenida de Compostela, as Lágrimas, Fondo de Vila ata chegar ao Campo do Souto.
O concurso de disfraces, carrozas e comparsas inclúe seis modalidades: Individual infantil (de 0 a 14 anos); adulto individual (maiores de 14); parella; comparsa/grupo de ata 20 membros; comparsa/grupo de máis de 20 membros e comparsa ou grupo local de máis de 10 membros.
Haberá que coller folgos despois da troula porque a xolda continúa en Padrón pola noite coa Festa de Piñata. A praza de Macías volverá ser o punto de encontro para o baile e a música a partir das 23.00 horas, co concerto de Somoza Trío.
Entre a 1.00 e as 4.00 horas o DJ Rokiño e o DJ Casanova serán os encargados de perpetuar o Entroido.