-->

Anxo Rei: “A Xunta debe aumentar a financiación dos servizos sociais municipais e facer unha residencia de maiores en Padrón”

O alcalde lembra que a residencia é a infraestrutura máis necesaria para Padrón  ||  

O presidente da Deputación reuniuse en Padrón coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar  ||  

Valentín González Formoso lembra que a Deputación financiará este ano en Padrón a 4 profesionais e 5.522 horas do SAF cun investimento de 146.268 euros  ||  

 

20240129 Padron presidente Deputacion visita Servizos Sociais e SAF 13

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamaron esta mañá unha maior implicación do goberno galego cos concellos para o financiamento do gasto social e a atención á dependencia. “A Xunta debe aumentar a financiación dos servizos sociais municipais e facer unha residencia en Padrón para atender aos maiores da comarca”, dixo o alcalde durante a visita que González Formoso fixo ao municipio para entrevistarse coas traballadores do SAF. O organismo provincial fará este ano un investimento en Padrón de 146.268 euros para financiar a contratación de 4 profesionais e 5.522 horas de axuda no fogar.

Anxo Rei lembrou durante a visita que, xa na anterior lexislatura, “o goberno municipal do Partido Popular fixo un proxecto para construír unha residencia da terceira idade que, se ben non era o máis axeitado, non foi atendido pola Xunta de Galicia”. O alcalde lembrou que fronte aos 13.000 millóns de euros de orzamento do goberno galego, o Concello de Padrón ten só 10 millóns. “Parece claro que a Xunta debería facer un maior esforzo para sufragar estes gastos do ámbito social”, recordou o alcalde, asegurando que o Concello tiña os terreos necesarios para construír unha residencia de maiores “que poida dar servizo tamén aos municipios irmáns da comarca. A residencia é a infraestrutura máis necesaria para Padrón”.

O presidente da Deputación e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañados por todo o goberno padronés, visitaron o edificio de servizos sociais para coñecer o seu funcionamento e os programas municipais que, no eido social, contan co apoio da Deputación. Durante a visita mantiveron un encontro con traballadores do Servizo de Axuda no Fogar, para coñecer as súas inquedanzas e condicións de traballo.

González Formoso agradeceu e destacou a importancia do traballo que realizan, “un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias”.

Formoso destacou o compromiso da Deputación con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia. “As achegas por parte da Xunta son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto pilar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia”, afirmou. “Somos conscientes de que non pode haber unha residencia de maiores en cada concello, pero si un servizo de axuda no fogar que permita ter unha cobertura e atención digna para os nosos maiores”.

No caso da comarca de Compostela, a Deputación financia 91.314 horas de SAF e contrata a 53 profesionais da área social nos 24 concellos da área con menos habitantes. Padrón é un dos concellos que contan con máis profesionais contratados pola Deputación (catro), cunha financiación de 80.000 euros. Os 66.268 euros restantes que recibirá o Concello padronés da Deputación son para financiar 5.522 horas de axuda no fogar.

O servizo de axuda no fogar financiado polo Concello e pola Deputación a través do Programa de financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais é de acceso por libre concorrencia. Este servizo é o que da resposta as necesidades que non poden ser cubertas por outra vía (como o recoñecemento de grado de dependencia) “e que deben ser cubertos de forma inmediata, urxente ou prioritaria”, explica o alcalde.

Os servizos prestados cobren necesidades de atención de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria, desenvolven actividades socioeducativas que buscan o desenvolvemento persoal e familiar así como a inclusión social de persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

A Deputación da Coruña financiou 5.522 horas no pasado exercicio das 5.871 horas totais de axuda no fogar prestadas en Padrón, coas que se atenderon a 48 persoas usuarias (16 homes e 32 mulleres). Aos 66.268 euros aportados pola Deputación hai que engadir os 21.609,40 que aporta o Concello e os 20.715 de copago das persoas usuarias.

20240129 Padron presidente Deputacion visita Servizos Sociais e SAF 5

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…