Os grupos folclóricos do municipio animaron a procesión dos santos polo casco histórico e a subida o monte do Apóstolo ||
O alcalde, Anxo Arca, membros do goberno e moitos padronesese acompañaron a comitiva ||
O Concello repartiu 350 quilos de sardiñas, bolos preñados, patacas e pan de millo na tradicional sardiña popular ||
Padrón celebrou hoxe o día grande do Santiaguiño con milleiros de persoas participando na romaría popular que se celebra todos os 25 de xullo no monte San Gregorio. Ata alí foi trasladado a imaxe de Santiago Peregrino por catro mozos que, antes de subir as escaleiras ao monte, percorreron en procesión as principais rúas do casco histórico, bailando o santo, como é tradición.
Cando chegou o Santo, moitas familias e grupos de amigos tiñan xa reservada a súa parcela no monte San Gregorio, onde o Concello repartiu de xeito gratuíto 350 quilos de sardiñas. Cada ración levaba 2 sardiñas, un bolo preñado, pataca cocida e pan de millo para saciar o padal de moitos centos de comensais que agardaron a súa quenda na cima do monte. Pouco despois da unha da tarde, mentres retiraban o seu xantar popular, a concelleira Chus Campos entregáballe a cada persoa un sombreiro conmemorativo da festa deste ano. Os 500 sombreiros quedáronse escasos ante a masiva afluencia de romeiros.
A festa do Santiaguiño comezaba pouco despois das dez e media da mañá coa tradicional procesión casco histórico, que, coma todos os anos, partíu da casa consistorial. De aquí saíron o Neno Xesús, Santa Bárbara, San Blas e San Xoán do Raio. Cando chegaron á igrexa parroquial sumáronse á comitiva as imaxes de San Antonio, Santa Lucía e Santiago Peregrino, coñecido popularmente en Padrón, como O Parrandeiro, que vai bailando durante a procesión ao ritmo que marcan os seus porteadores.
Os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra e Os Mersenarios, animaron tanto a procesión, como a subida ao monte. Foron eles tamén os que puxeron a nota musical nunha masiva romaría campestre.
Despois de xantar houbo xogos de animación para a cativada, ata que as sete e media O Parrandeiro volvía a baixar as escaleiras do monte San Gregorio ata a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, para agardar pola vindeira festa.
Pola noite, o concerto de Ruxe Ruxe puxo o colofón a unhas festas do Santiaguiño 2023 Ultreia que, sobre todo durante a fin de s emana, encheron as rúas de Padrón de público con moitas ganas de pasalo ben.