O xurado definiu o poemario como “un texto de fondo carácter unitario e ben estruturado que ofrece unha visión de Compostela na que o autor sabe incluír un eu esgazado” ||
Ao certame promovido polo Concello de Padrón presentáronse un total de 18 traballos ||
Francisco Javier Fernández Davila, escritor e enxeñeiro natural de Canido (Oia), é o gañador da novena edición do certame poético Rosalía de Castro promovido polo Concello de Padrón coa súa obra Konpostela. O xurado, reunido esta mañá no Concello, definiu o poemario gañador como un “texto de fondo carácter unitario e ben estruturado na súa disposición, que ofrece unha visión de Compostela na que o autor sabe incluír un eu esgazado”. A obra, presentada baixo o lema Apócrifa, foi seleccionada por maioría entre as 18 que este ano se presentaron ao certame poético Rosalía de Castro.
O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, contou como vogais coa concelleira de Cultura, Lorena Couso; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o profesor do IES Macías O Namorado de Padrón, Manuel Lorenzo Baleirón; coa poeta e licenciada en filoloxía galego-portuguesa, Elvira Ribeiro; a mestra de educación primaria e investigadora en humanidades, Inés Mosquera, e a profesora de Educación Secundaria de Lingua Galega e Literatura, Rita Bugallo.
Francisco Javier Fernández Davila naceu Canido (Oia) aínda que reside en Panxón. (Nigrán). É escritor e licenciado en Enxeñaría de Minas e Enerxía. Dende que comezou a escribir no ano 2016 ten acadado varios premios literarios tanto no eido da narrativa, como no da poesía, relato curto ou mesmo microrrelato. Entre eles destacan o IV Premio de relato Vigo Histórico, da Editorial Elvira, coa súa obra A pel do corazón; gañador do XVII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos do Concello de Noia coa novela Alana ou do VIII Certame de Poesía María Mariño de Teo por The walking verses ou o ataque dos poemas zombis.
O Concello de Padrón impulsa ao longo de todo o ano varios premios literarios, amosando deste xeito o seu compromiso coas letras e sendo un referente neste eido en Galicia. Ademais do certame poético Rosalía de Castro, o Concello promove os premios Camilo José Cela, de novela, e Maruxa Villanueva, de interpretación teatral.