Hoxe celebraron o último acto conxunto da presente lexislatura ||
Antonio Fernández Angueira agradece o traballo dos concelleiros que non se presentan ás vindeiras eleccións municipais ||
Sánchez Bugallo destaca o crecemento do tecido industrial de Padrón que xera dinamismo e melloras para a toda a comarca ||
Os membros das corporacións padronesa e compostelá foron recibidos polas bandas de ambos municipios ||
Padrón e Santiago volveron renovar o acto de irmandade durante o día que as Festas de Pascua lle dedican á capital de Galicia. Os dous alcaldes reiteraron o compromiso de seguir colaborando conxuntamente para que prosperen ambos municipios nun Día de Santiago na capital do Sar que será o último que celebren as actuais corporacións. Antonio Fernández Angueira agradeceu o traballo dos tres concelleiros que non se presentan as eleccións, Camilo Forján e Francisco Almeida (PSdeG) e Eloy Rodríguez (CxG).
Antonio Fernández Angueira lembrou os lazos que unen a ambos municipios, dende que os discípulos trouxeron o corpo do Apóstolo ata Padrón e comezou a tradición xacobea, que cada ano está atraendo a un maior número de peregrinos. E volveu lembrar a Rosalía de Castro, compostelá de nacemento e que pasou gran parte da súa vida en Padrón.
As eleccións municipais que se celebran o 28 de maio estiveron presentes nos discursos de ambos alcaldes, que animaron as vindeiras Corporacións a seguir colaborando para continuar co progreso da comarca. Neste senso, e vinculado ao Camiño de Santiago, Fernández Angueira animou a utilizar o término ultreia, na acepción de “seguir adiante”. O alcalde compostelán, Sánchez Bugallo tamén facía referencia a que este é o último acto da presente lexislatura, pois no día de Padrón en Santiago, que se celebra en xullo, “xa serán outras corporacións”, aínda que sigamos moitos dos actuais edís. “O importante é que todo teña continuidade”, asegurou.
Na súa resposta ao anfitrión, Sánchez Bugallo destacou o crecemento e a puxanza do tecido industrial de Padrón, que xera postos de traballo e da “moito dinamismo para toda a área compostelá”. Bugallo tamén fixo referencia ao crecemento do turismo, como motor económico da comarca, e lembrou que este ano se seguen superando as cifras record de anos precedentes. “O importante é seguir construíndo. Seguiremos traballando xuntos para buscar o mellor para Santiago e Padrón”, asegurou.
O Día de Santiago en Padrón comezou na entrada da rúa Real, co intercambio de pendóns entre os concelleiros Francisco García (Padrón) e Gonzalo Muiños (Santiago) e o saúdo dos membros de ambas corporacións. Tras o acto protocolario no salón de plenos, ambos alcaldes e os concelleiros presenciaron dende o balcón a actuación das bandas municipais de música de Padrón e Santiago, que interpretaron varias pezas, rematando cos himnos de Galicia e España. O concerto da Banda de Música de Santiago na praza de Macías poñía o colofón a este acto de renovación do irmandamento entre Padrón e Compostela.
Padrón continúa a vivir as Festas de Pascua, que “transcorren con normalidade e coa presencia de moita xente, o que representa unha taxa de retorno importante para a hostalaría e o comercio da vila”, dixo o alcalde padronés. Fernández Angueira volveu reiterar que a Pascua, declarada de Interese Turístico de Galicia, é “un motor económico máis, xunto co industrial, co cultural e co turístico, para o municipio”.