-
O actor e humorista loubou unha das festas máis tradicionais de Galicia e lembrou anécdotas que o vinculan coa capital do Sar ||
-
Despois dos pregón comezaron dous dos concertos máis esperados este ano e que encheron as rúas de xente: Dorian e Álvaro de Luna ||
-
O grupo local Unión y Fuerza estreou na súa terra o novo escenario nunha verbena tamén moi concorrida ||
-
A feira cabalar e os concursos morfolóxicos serán mañá outro dos pratos fortes ||
Padrón deu onte o pistoletazo de saída a semana grande das súas Festas de Pascua con moito humor e boa música. As rúas do casco histórico comezaron xa a encherse de xente pola mañá, coa celebración da 42ª Carreira Popular de Pascua, e a medida que avanzaba a tarde seguiron chegando persoas para escoitar ao actor e humorista David Amor, responsable este ano do pregón, e para asistir a dous dos grandes concertos destas festas: Dorian e Álvaro de Luna.
Na súa intervención na praza de Macías, David Amor animou aos padroneses a sentirse orgullosos do seu pobo, “que ten unha feira que é o mellor centro comercial do mundo”, e a “facer o mesmo que fixestes cos pementos, que os trouxestes de fora e fixéstelos moito mellores”.
Durante o pregón co que se inauguran oficialmente as festas de Pascua, David Amor, fixo mención a todas as festas que hai no municipio e aos seus recordos de Padrón: Herbón, as curvas da estrada de Carcacía, e a tantas fotos que conserva da parte traseira do seu coche, que lle sacou “o radar en Cruces” e a estatua de Camilo José Cela no paseo do Espolón. “Ahí está, en pleno Camiño de Santiago, con esas dúas grandes bolas, unha que representa o coñecemento e outra a creación, porque el sempre fixo o que saíu do coñecemento e da creación”
Despois de moitos aplausos do público, rematou a súa intervención lembrando as palabras do alcalde Antonio Fernández Angueira. “Dixéronnos que da pandemia íamos saír mellores e seguro que vos o facedes, como fixestes cos pementos”, rematou.
Antes do pregón, David Amor asinou no libro de honra do Concello, no que deixou a silueta da súa man esquerda.
Nada máis rematar, as persoas que escoitaron o pregón na praza de Macías trasladáronse ata Fonde de Vila para asistir ao primeiro gran concerto da Pascua, no que a banda barcelonesa Dorian, unha das españolas de maior proxección nacional e internacional, volveu facer gala do seu estilo, mesturando new wave, música electrónica e indie rock diante de milleiros de persoas.
Despois foi o turno do grupo local Unión y Fuerza, que estreou novo espectáculo e novo escenario nun paseo do Espolón no que xa non quedaba un oco libre.
A praza Fondo de Vila tamén se quedou pequena a unha da madrugada para acoller ás máis de dez mil persoas que asistiron ao concerto de Álvaro de Luna, no que, por primeira vez en público, cantou o tema Todo contigo diante da súa parella Laura Escanes.
A actividade en Padrón comezou onte xa pola mañá, coa Carreira Popular de Pascua, na que participaron máis de 500 atletas, e, cando rematou o grupo Terapia de Grupo puxo as primeiras notas musicais da festa. Pola tarde, houbo xogos do mundo na praza de Macías, mentres o programa de TVG Carballeira emitía en directo dende Padrón para falar das festas.
Feira Cabalar
Para hoy, Domingo de Pascua, a Feira Cabalar será o prato forte da xornada, con concursos morfolóxicos dende primeiras horas da mañá no Campo da Barca, que se complementará coa Feira de maquinaria agrícola xunto á gardería. Pola tarde haberá espectáculo de recortadores no campo da Barca.
As orquestras Os Satélites e a local Charleston Big Band amenizarán as verbenas da noite, mentres que a Banda de Música de Padrón e o grupo folclórico San Pedro de Carcacía animarán as rúas do casco histórico durante o día. De seis a oito da tarde volverá haber obradoiros infantís para a cativada, nesta ocasión con xogo de pistas no Xardín Botánico.