-->

Homenaxe en Padrón ás ‘Rumorosas 2022’ que protagonizan a exposición de rúa polo 8M

  • Máis dun cento de persoas realizan o percorrido guiado pola vila coñecendo as historias de dez mulleres vencelladas ao municipio // 

  • O auditorio acolle os actos do 8M coa lectura dun manifesto, a proxección do vídeo ‘Sororidade’ e unha actuación musical // 

  • Antonio Fernández destaca o “potencial feminino” de Padrón // 

  • Lorena Couso valora “os logros das mulleres que temos máis preto e que tamén son un referente para as novas xeracións” // 

20220308 8M Padron AsNosasRumorosas1

20220308 8M Padron AsNosasRumorosas2Preto de 120 persoas asistiron onte no auditorio de Padrón á homenaxe ás Rumorosas 2022, protagonistas da exposición de rúa coa que o Concello conmemora este ano o Día Internacional da Muller. A mostra As nosas rumorosas inaugurouse antes do acto institucional do 8M cun percorrido guiado, ao que se foron sumando veciñas e veciños ata formar un grupo dun cento de persoas. A exposición permite coñecer as historias de vida de dez mulleres vencelladas ao municipio ao tempo que se percorren as rúas da vila. A concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, leu un manifesto para reivindicar a igualdade entre xéneros, nun evento no que tamén se proxectou o vídeo Sororidade do CIM Terras de Iria e que pechou a actuación musical de Ruth Cundíns.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, puxo o énfase no “potencial feminino” de Padrón, que agora se dá a coñecer a veciños e visitantes a través da exposición As nosas rumorosas. As fotografías de dez mulleres e o que para elas significa o Día da Muller amósanse en cubos espallados polas rúas de Padrón. A mostra estará aberta ao público ata o 31 de marzo. A través deste proxecto, o CIM Terras de Iria pon de relevo “o extraordinario do ordinario” e pon o foco en “mulleres anónimas que son parte fundamental da nosa sociedade”, como salientou a directora do centro, Isabel Ramos Boo.

As preto de 120 persoas asistentes ao acto sumáronse cos seus aplausos ao recoñecemento que se lles brindou ás Rumorosas: Ana María Villar López, directora do CEIP Iria Flavia; Lifen Hu, emprendedora; Guadalupe Gómez Calvo, presidenta da SD Esclavitud; María del Carmen Piñeiro Calvo, médica especialista en atención a mulleres con VIH; Yolanda Buceta Vázquez, emprendedora de cociña creativa; María Dolores Fuente Gil, a tendeira máis veterana da praza de abastos de Padrón; Rocío Barrio Buceta, artista multidisciplinar e vocalista dun grupo de rock; Manuela Camino López, xefa da Unidade de Transplante Cardíaco Infantil no Hospital Gregorio Marañón; Sonia García García, atleta padronesa que estivo a piques de participar nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012; e Carmen Rodríguez Morono, ‘A Carola’, muller que dedicou toda a súa vida á labranza e membro da Asociación de Mulleres Rurais Carballeira, onde participa activamente en representacións teatrais.

Os actos institucionais comezaron coa lectura dun manifesto no que a concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, reivindicou “o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, o fomento da redistribución de roles no fogar e a igualdade no ámbito laboral”. Couso salientou o apoio do Concello de Padrón ao “liderado feminino e á participación das mulleres en todas as esferas da sociedade”. Tamén valorou “o traballo e os logros acadados polas mulleres que temos máis preto, porque elas tamén poden ser un referente para as novas xeracións”.

Seguidamente, as Rumorosas 2022 subiron ao escenario para recibir a homenaxe do Auditorio, que lles recoñeceu o mérito das historias de vida que compartiron para a exposición. As protagonistas da mostra recibiron un agasallo de mans das autoridades presentes no acto, e unha forte ovación de parte do público, en especial A Carola, a muller de máis idade das alí presentes. Tamén interveu no evento Jéssica Beiroa, quen explicou que a escrita da letra de Sororidade foi moi espontánea: “moitas das realidades que se ven no vídeo e na exposición son as que vivimos a diario nas nosas vidas”, explicou.

A continuación o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, expresou a súa gratitude ás 45 mulleres da comarca do Sar que participaron nos dous proxectos promovidos polo CIM Terras de Iria, a exposición e o videoclip Sororidade, que se proxectou no auditorio municipal. “Grazas por encher de música os nosos corazóns e por seguir amosando que a cultura segue moi viva nesta terra de Rosalía”, manifestou Fernández Angueira.

Trinta e cinco mulleres de Terras de Iria protagonizan Sororidade. Nesta produción audiovisual, dez pandeireteiras de agrupacións locais do Sar interpretan unha peza musical creada por Jéssica Beiroa para conmemorar o 8M, mentres que unha ducia de mulleres de Padrón, Rois e Dodro e outras tantas figurantes acompañan a música coa súa interpretación xestual.

20220308 8M Padron AuditorioPor parte do concello de Padrón participan no vídeo a comerciante Ramona Vázquez Iglesias, coñecida como Ramonita e propietaria de Confecciones Regateiro; Milagros González Refojo, presidenta do Consello Regulador DOP Pemento de Herbón, e as pementeiras Milagros Piñeiro Freire e Rosa Mª Diéguez Rarís; así como Adriana Vázquez Figueroa e Guadalupe Gómez Calvo, presidentas do CD Sar Extramundi e da SD Esclavitud respectivamente. O grupo de pandeireteiras formouse para a ocasión coa colaboración dos grupos folclóricos da comarca, entre os que figuran a Agrupación Cultural San Pedro de Carcacía, a Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón e a Escola Municipal de Música de Padrón. Ademais, a gravación do videoclip realizouse no Convento do Carme de Padrón e na Fundación Casa Rosalía de Castro, entre outras localizacións.

O acto do Día Internacional da Muller pechouse cunha actuación musical. Natalia Outón e Elena Domínguez, profesoras de piano e violonchelo da Escola Municipal de Música de Padrón respectivamente, interpretaron unha nana da compositora Amy Beach, coa que reivindicaron o papel das mulleres tamén na música clásica. A seguir, acompañaron á cantante Ruth Cundíns na súa interpretación de Lela e dun Himno galego moi especial, trocando o “rumorosos” da letra de Pondal por “rumorosas” e con todo o auditorio en pé cantando ao unísono.

Máis información das Rumorosas 2022 e biografías, no Facebook do CIM Terras de Iria neste enlace: https://www.facebook.com/CIMTerrasDeIria/posts/268681785434823

Enlace ao videoclip ‘Sororidade’: https://youtu.be/ciU_xxy3dxs

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…