Saúdo do alcalde
Estimado/a internauta:
Como alcalde de Padrón compráceme darche a benvida a esta renovada páxina web que queremos converter nunha verdadeira ferramenta informativa e de xestión ao servizo dos nosos veciños e dos milleiros de persoas que nos visitan cada ano.
Os concellos sempre presumimos de ser as administracións máis próximas aos cidadáns e, ademais, no caso dos municipios cunha dimensión media como Padrón, con pouco máis de 8.500 habitantes, incluso nos congratulamos de poder ofrecer unha atención presencial practicamente personalizada.
Nembargantes, non por iso debemos desaproveitar as oportunidades que nos brindan as novas tecnoloxías para comunicarnos cos cidadáns dunha forma aínda máis áxil e transparente e, sobre todo, para simplificar moito máis as relacións administrativas, posibilitando que a meirande parte dos trámites se poidan realizar a través de internet. Penso que con esta páxina web, a través da súa sede electrónica e do seu portal de transparencia, este primeiro obxectivo queda conseguido.
Ademais, no noso caso, o feito de que Padrón sexa considerado o berce do Xacobeo e forme parte do treito final do Camiño Portugués provoca que cada ano recibamos a máis de 50.000 visitantes, entre turistas e peregrinos. Por iso, queremos que esta páxina web sexa tamén unha pequena fiestra desde a que se poidan visualizar, antes de chegar a Padrón, cales son os nosos principais atractivos turísticos e que se pode facer aquí.
Persoalmente, agardo que esta visita virtual sexa un aliciente máis para vir a Padrón a gozar "in situ" do noso patrimonio e da nosa oferta cultural, paisaxística, gastronómica e lúdica.
Aquí vos agardamos.
Antonio Fernández Angueira
Alcalde de Padrón