-->

O Concello de Padrón arrinca a campaña de Nadal cun concurso de decoración de balcóns, fiestras, escaparates e fachadas

Co obxectivo de dinamizar a vila e de animar o rueiro do municipio de cara ao Nadal, o Concello de Padrón vén de dar luz verde en Xunta de Goberno Local ao primeiro concurso de decoración de balcóns, fiestras, escaparates e fachadas ao longo do municipio. O deseño desta iniciativa busca a participación activa da veciñanza e dos sectores do comercio e da hostalaría do Concello para crear unha imaxe global máis atractiva tanto para a veciñanza como para os visitantes. Os elementos decorativos de Nadal contribuirán así a embelecer e poñer en valor o patrimonio arquitectónico da vila. 

Coa vista posta nunha campaña de Nadal marcada pola pandemia da Covid-19, Lorena Couso, concelleira de Turismo, incidiu na “necesidade de impulsar de xeito especial estas festas para manter viva a tradición e dinamizar o consumo na nosa vila”.

O período de exhibición das decoracións deberá ser do 10 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos os dous incluídos, e os adornos non poden causar, en ningún caso, molestias á cidadanía nin perigos a persoas ou bens. Poden participar no concurso os e as maiores de 18 anos de idade que o desexen, e para facelo deben cubrir o formulario de inscrición e enviar tres fotografías da fachada, balcón, fiestra ou escaparate ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ata o 10 de decembro de 2020.  A inscrición será de balde e realizarase na Oficina de Turismo de Padrón, situada na planta baixa da Biblioteca Municipal, na Avenida de Compostela s/n, ou no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Diferenciaranse dúas categorías: a de particulares, que poden realizar a súa montaxe no seu balcón, fiestra, porta ou fachada, e a de empresas, que inclúe establecementos hostaleiros e comerciais do concello de Padrón. 

Pola súa banda, as persoas integrantes do xurado outorgarán os premios segundo a valoración que fagan cos seguintes criterios: orixinalidade/creatividade na ornamentación (ata cinco puntos), inclusión de elementos de identidade local (ata dez puntos) e emprego de materiais de refugallo ou eco-sostibles (ata cinco puntos). Ademais dos premios a particulares e empresas, haberá un de carácter especial á decoración de Nadal que máis ‘Gústame’ teña no álbum de imaxes que se publicará na páxina de Facebook de Padrón Turismo con todas as decoracións participantes. O día 18 de decembro de 2020 comunicarase a través das diferentes vías de promoción do Concello cales son as decoracións gañadoras. 

 As empresas optan a un premio de 500 euros, os particulares a un premio de 250 euros e o premio especial está dotado con 100 euros. As contías dos mesmos deberán consumirse nos comercios e hostalaría locais e as persoas gañadoras teñen de prazo ata o 30 de xaneiro de 2021 para realizar o gasto e presentar os recibos das súas compras na Oficina de Turismo. 

Asemade, a Asociación de Hostalería de Padrón aporta cinco vales de 20€ para consumir nos seus establecementos, que se sortearán entre as persoas que participen na votación a través da rede social Facebook, na páxina de @TurismoPadrón.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…