-->

Nove restaurantes ofrecen "menús lampreeiros" nas IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea

 

A Concellería de Turismo de Padrón comezou hoxe a promocionar as "IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón", que nesta edición inclúen preto dunha decea de actividades culinarias e de lecer e que contan coa participación de nove restaurantes locais, que serán os encargados de preparar os "menús lampreeiros" nas fins de semana dos días 2, 3, 4 e 9, 10 e 11 de marzo.

A concelleira de Turismo, Lorena Couso, avanzou que estas cuartas xornadas comezan xa neste mes de febreiro coa celebración de actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón. Pero, sen dúbida, uns dos principais atractivos son os "menús lampreeiros" que ofrecerán, previa reserva e cun prezo de 25 euros por persoa, os seguintes restaurantes: O Secreto, Scala, Chef Rivera, Casa Farrucán, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, A Casa dos Martínez, Flavia e Gaia "A Casa da Corredoira".

Entre todos eles poderanse degustar ata unha quincena de maneiras diferentes de cociñar a lamprea: lamprea á bordelesa, fideuá de lamprea, croquetas de lamprea, empanada de lamprea, lamprea "como lle gustaba ao cura de Rois", carpaccio de lamprea, etc.

Actividades desde o 2 de marzo

Ademais das accións divulgativas nos centros educativos, desde o venres 2 de marzo desenvolveranse outras actividades culinarias e turísticas. O propio 2 de marzo está prevista na Biblioteca Municipal unha xincana xornalística da lamprea orientada a todos os membros da familia. Para asistir é preciso inscribirse previamente, de forma totalmente

gratuíta, antes do día 28 de febreiro, ben na propia biblitoeca ou ben chamando ao teléfono 981 810 761.

O sábado 3 de marzo celebrarase un obradoiro de cociña da lamprea con Rocío Garrido, que terá lugar a partires das 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais, a carón da igrexa de Santiago. Esta actividade é de balde, pero require inscrición previa ou na Oficina de Turismo ou enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Xa o domingo 4 de marzo está programada a andaina "Pedronía-Camiño sagrado" desde Santiago ata Padrón, que está organizada en colaboración con Galicia es+ e que inclúe un guía acompañante, unha visita ao Pedrón e viacrucis cara ao Santiaguiño do Monte. Esta actividade é de balde para as persoas que se apunten antes do 24 de febreiro (676 814 674 ou Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).

Concurso de empanadas de lamprea

Outra das actividades previstas é un concurso de empanadas de lamprea, que se celebrará o 9 de marzo ás 20.00 horas, pero que pechará o prazo de inscrición o día 1 de marzo. Os participantes poderán optar a un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. As bases do concurso pódense consultar na Oficina de Turismo.

O sábado 10 de marzo tamén está programada unha ruta da lamprea en Padrón, que inclúe a visita ao convento franciscano de Herbón e ás pesqueiras de lamprea dos arredores, no río Ulla. Esta actividade é gratuíta, agás para os participantes que queiran participar nunha degustación de lamprea, que terán que pagar 10 euros por persoa. As reservas deberanse realizar na Oficina de Turismo de Padrón, en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e no teléfono 646 593 319.

Por último, as dúas fins de semana nas que se ofrecen os menús lampreeiros, a operadora Galicia es+ oferta un paquete de "escapadas en Padrón" que, desde 28 euros por persoa, inclúe as actividades de balde da programación e o aloxamento nun hotel de tres estrelas. As reservas destas escapadas poden efectuarse no teléfono 676 814 674 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…