-->

Un encontro amigable e un xantar poñeranlle a guinda este sábado ao 50 aniversario do HC Santo Domingo

  • O partido enfrontará a Vellas Glorias e xogadores do Resto do Mundo no campo da Baiuca ás 11.00 horas //

  • A comida de confraternidade celebrarase no Hotel Scala ás 14.00 horas //

  • A celebración servirá para recordar anécdotas e vivencias dende a súa fundación en novembro de 1973 //

O Hóckey Club Santo Domingo de Padrón poñeralle a guinda á celebración do seu 50 aniversario este sábado 16 de decembro cun partido amigable no que participarán antigos xogadores e que servirá como aperitivo para un xantar de confraternidade. O encontro, que enfrontará un equipo de Vellas Glorias con outro do Resto do mundo, xogarase no campo da Baiuca en Pazos a partir das 11.00 horas. A comida terá lugar deseguido no Hotel Scala ás 14.00 horas.

A cita servirá, sen dúbida, para desfrutar de reencontros e facer memoria con anécdotas e vivencias da traxectoria do club, fundado oficialmente en novembro de 1973 logo de que un grupo de mozos padroneses comezasen a practicar o hóckey nunha nave do serradoiro Tato e que a eles se sumasen outros xogadores que entraron en contacto con este deporte ao iniciar os seus estudos universitarios en Santiago.

Tras eses comezos, un tanto rudimentarios e no que os xogadores empregaban sticks de madeira feitos por eles mesmos, chegaría unha certa ‘profesionalización’ co permiso dos dominicos do Carme para empregar as súas instalacións, os adestramentos, a adquisición de paus oficiais e a afiliación á Federación Galega de Hóckey para empezar a competir a nivel provincial.

A fundación do club en novembro marcou a creación da primeira directiva, presidida por Jesús Fráiz, e a disputa do primeiro partido oficial. Xogouse en Santiago contra a SD Compostela e, aínda que se saldou cunha derrota por 4-0, o bautismo foi máis que feliz ao formar polo HC Santo Domingo un grupo de mozos, todos padroneses, integrado por Solar, Tato, Cadillo, Garea, Tito Martínez, Fráiz, Quintela, Masito, Totono, Piñeiro e Pepín Bentrón.

Os éxitos, con todo, non tardarían en chegar. Tampouco a apertura a outras competicións e torneos, mesmo internacionais. O HC Santo Domingo xogaba xa no campo da Gándara do CD Sar en Estramundi e fora quen de crear unha estrutura sólida co apoio de socios, subvencións, iniciativas como a distribución de lotería de Nadal e patrocinios, un dos máis recordados aquel de “Viño ribeiro, o mellor” que os xogadores portaban nas camisetas.

Tamén se sucederon directivas e presidentes como José Ángel González, Pepe Míguez, Óscar Mozas ou Miguéns e se multiplicaron as sección cos equipos sénior, xuvenil e femenino en hóckey herba e sala. Todo iso permitiu que o Santo Domingo, o segundo club de hóckey fundado en Galicia, se fixera un oco na elite nacional e que hoxe estea plenamente asentado no deporte padronés grazas en boa medida ás súas categorías base.

O Concello de Padrón quere felicitar ao HC Santo Domingo polas súas vodas de ouro desexándolle unha longa e exitosa vida e destacando, por riba de todo, a súa contribución a crear unha sociedade con valores transmitíndolle tesón e deportividade á nosa cativada.

 

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…