Print this page
-->

A Banda de Música Municipal de Padrón presenta a tempada 2026-2027 baixo o lema ‘Cando a música fala’

  • O presidente da Banda, José Cerqueiras; o director, Santi Mella, e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, deron a coñecer a nova programación na casa consistorial
  • A tempada inclúe tres grandes citas: os concertos de Santa Icía, de Aninovo e de Rosalía

A Banda de Música Municipal de Padrón vén de presentar a súa programación para a tempada 2026-2027, que se desenvolverá baixo o lema Cando a música fala. No acto de presentación, celebrado na casa consistorial, participaron o presidente da Banda, José Cerqueiras; o director da agrupación, Santi Mella, e o alcalde de Padrón, Anxo Arca.

A nova tempada propón tres citas que volven situar a música como parte destacada da programación cultural do municipio e que estarán ligadas a celebracións e referentes especialmente significativos para Padrón.

A programación abrirase o sábado 28 de novembro no marco do Outono Cultural co tradicional Concerto de Santa Icía, unha das citas máis arraigadas no calendario da Banda de Música Municipal e coa que a agrupación celebra cada ano a patroa da música.

A seguinte actuación terá lugar o sábado 2 de xaneiro de 2027, coa celebración do Concerto de Aninovo, unha proposta coa que a Banda dará a benvida ao novo ano e que permitirá á veciñanza compartir unha nova cita arredor da música.

A tempada continuará o sábado 20 de febreiro de 2027 co Concerto de Rosalía, unha actuación vinculada á figura de Rosalía de Castro e á profunda relación da escritora coa historia e coa identidade cultural de Padrón.

Unha programación ligada ás tradicións do municipio

Baixo o lema Cando a música fala, a Banda de Música Municipal de Padrón quere poñer en valor a capacidade da música para transmitir emocións, contar historias e crear espazos de encontro entre xeracións, mantendo ao mesmo tempo unha programación ligada á identidade cultural e ás tradicións do municipio.

O Concello de Padrón anima a veciñanza e as persoas visitantes a acompañar a Banda nesta nova tempada e a desfrutar dunha programación que continúa consolidando o papel da agrupación como un dos principais referentes da vida cultural padronesa.

20261118 Padron Presentacion tempada Banda Musica Municipal cartel

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…