Print this page
-->

O Concello de Padrón destina 20.000 euros á segunda edición dos ‘Bonos Padrón’ para impulsar o comercio local

  • Distribuiranse 2.000 bonos de 10 euros para aplicar en compras iguais ou superiores a 20 euros nos establecementos adheridos
  • Anxo Arca e Chus Campos presentaron esta iniciativa destinada a dinamizar o comercio padronés e a fomentar o emprego
  • Os comercios, negocios hostaleiros e aloxamentos interesados poderán sumarse á campaña do 15 ao 29 de novembro
  • A veciñanza empadroada terá prioridade para obter os bonos do 1 ao 3 de decembro, podendo usalos ata o último día do mes


O Concello de Padrón presentou este luns a segunda edición da campaña Bonos Padrón. Padrón ten o que precisas, unha iniciativa coa que destinará 20.000 euros de fondos municipais á dinamización do comercio de proximidade e da actividade económica local durante o mes de decembro.

O programa contempla a emisión de 2.000 bonos de 10 euros cada un, que poderán empregarse en compras iguais ou superiores a 20 euros realizadas entre o 1 e o 31 de decembro nos establecementos adheridos.

A campaña foi presentada esta mañá polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, e pola concelleira de Comercio e Turismo, Chus Campos, que destacaron que o Concello apostou por darlle continuidade á iniciativa despois da boa resposta acadada na súa primeira edición, tanto por parte da veciñanza como dos numerosos negocios participantes.

Arca salientou que “a grande acollida do ano pasado confirmou que esta é unha ferramenta útil para incentivar o consumo local e, ao mesmo tempo, apoiar directamente os establecementos que forman parte da vida económica de Padrón”. Neste sentido, explicou que “con esta segunda edición queremos seguir xerando movemento nos negocios do municipio e favorecer que unha parte importante das compras de Nadal quede no comercio, na hostalaría e nos establecementos locais”.

O alcalde lembrou que os Bonos Padrón “enmárcanse nun conxunto de actuacións municipais, como o alumeado de Nadal, pensadas para facer de Padrón un lugar atractivo tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan nestas datas”.

A campaña, promovida pola Concellería de Comercio e Turismo, busca favorecer o consumo nos negocios de Padrón e contribuír ao mantemento da actividade e do emprego nos sectores comercial, hostaleiro e de aloxamento. Os establecementos participantes aplicarán directamente o desconto á clientela e o Concello reembolsaralles posteriormente o importe dos bonos correctamente xustificados.

20261109 Padron Campaña Bonos Padron

Adhesión dos establecementos

Os negocios que queiran participar nesta segunda edición poderán solicitar a adhesión entre o 15 e o 29 de novembro na web www.bonospadron.gal. Para aqueles establecementos que non dispoñan de correo electrónico, tamén se habilitará a posibilidade de tramitar a adhesión presencialmente no departamento de Turismo do Concello.

Todos os establecementos participantes deberán colocar nun lugar visible o distintivo identificativo da campaña, que estará dispoñible na Oficina de Turismo a partir do 16 de novembro.

Chus Campos explicou que na campaña poden participar “todos os negocios que teñan a súa actividade en Padrón, agás supermercados, grandes superficies e venda ambulante”.

En canto aos bonos, cada un terá un valor de 10 euros e poderá empregarse nun único negocio adherido para unha compra ou consumo de 20 euros ou superior.

Cada persoa maior de idade poderá obter un máximo de dous bonos presentando o seu DNI ou NIE, o que supón un desconto máximo acumulable de 20 euros. Os bonos non serán nominativos, polo que, unha vez retirados, poderán ser utilizados por calquera persoa.

Prioridade para a veciñanza de Padrón

Os bonos comezarán a entregarse de maneira presencial o 1 de decembro e estarán dispoñibles ata o día 31 ou ata esgotar as 2.000 unidades. Os bonos entregaranse na praza da Igualdade, diante da Escola Municipal de Música, como o ano pasado.

Do 1 ao 3 de decembro establecerase un período preferente para as persoas empadroadas en Padrón, que poderán obter os bonos por orde de chegada. A partir do 4 de decembro, poderán solicitalos tanto persoas empadroadas como non empadroadas.

Chus Campos explicou que o Concello volve apostar pola entrega presencial “para facilitar o acceso á campaña a toda a veciñanza e especialmente ás persoas maiores, que poden atopar máis dificultades á hora de realizar trámites dixitais”.

A entrega será exclusivamente en formato físico á persoa titular do DNI ou NIE presentado, sen posibilidade de retirar bonos en representación doutras persoas. Tampouco se entregarán a menores de idade.

O prazo para utilizalos rematará o 31 de decembro de 2026, inclusive. Os bonos non poderán cambiarse por diñeiro en efectivo e, no caso dunha devolución, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da compra.

Apoio directo ao comercio de proximidade

A segunda edición dos Bonos Padrón dá continuidade a unha iniciativa municipal coa que se pretende incentivar as compras no municipio durante unha das épocas de maior actividade comercial do ano, coincidindo coa campaña de Nadal, e reforzar a liquidez dos pequenos negocios.

Os establecementos deberán presentar na Oficina de Turismo os bonos orixinais recibidos xunto cos correspondentes tíckets ou facturas. O prazo para solicitar o aboamento das cantidades descontadas será do 4 ao 15 de xaneiro de 2027.

Toda a información da campaña, así como a relación de establecementos adheridos, estará dispoñible na web www.bonospadron.gal, e as bases poderán consultarse tamén na sede electrónica do Concello de Padrón.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…