Print this page
-->

Natalia Outeiro ‘Pajarito’ recibe en Padrón o XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva

  • O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Cultura, Yolanda Castro, entregaron o galardón á artista polo seu traballo en ‘Serie Clopen’

  • A premiada levou ao escenario do Auditorio Municipal ‘A estrada’, unha viaxe entre o clown, a nostalxia e o humor, no marco do Outono Cultural 2026

20261107 Entrega Pajarito Maruxa Villanueva (4)

 

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este sábado o acto de entrega do XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva a Natalia Outeiro Romay, coñecida artisticamente como Pajarito. O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Cultura, Yolanda Castro, fixeron entrega do galardón, que recoñece a súa interpretación en Serie Clopen, unha coprodución do Centro Dramático Galego e a compañía Pista Catro. No acto tamén estivo presente a concelleira Mariló Saco.

A celebración, incluída no Outono Cultural 2026, compartiu xornada coa representación de A estrada, protagonizada pola premiada. O espectáculo reuniu público de todas as idades nunha viaxe entre o clown, a nostalxia e o humor. A complicidade da intérprete coas persoas asistentes marcou a función, especialmente entre as nenas e os nenos, que participaron con entusiasmo e encheron de risas a sala.

20261107 Entrega Maruxa Villanueva 60

A concelleira de Cultura, Yolanda Castro, abriu as intervencións destacando que o premio supón un “recoñecemento ao traballo, á dedicación e á capacidade de transmitir emocións a través da interpretación”. Castro defendeu o apoio á cultura como un apoio ás persoas que crean, interpretan, escriben e soben aos escenarios para facer sentir, pensar e cuestionar a realidade.

20261107 Entrega Pajarito Maruxa Villanueva (15)

“Facer rir é unha arte”, afirmou a concelleira, quen salientou o talento, o traballo e a sensibilidade que require conectar co público a través dunha mirada, dunha pausa ou dunha palabra. “Natalia, este premio recoñece o teu traballo, pero tamén queremos que sexa unha mostra de agarimo e de admiración”, engadiu.

A continuación, o alcalde, Anxo Arca, eloxiou a peza representada e a interpretación de Pajarito, á que trasladou os seus parabéns e o desexo de seguir acompañando a súa traxectoria artística. “En Padrón tes a túa casa”, expresou.

Pechou as intervencións Natalia Outeiro, quen agradeceu ao Concello o recoñecemento e a súa aposta por unha pallasa e polo circo. A artista rematou as súas palabras cun “Que viva o circo!”.

20261107 Entrega Pajarito Maruxa Villanueva (6)

O Premio Maruxa Villanueva está dotado con 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura coa imaxe da actriz que dá nome ao galardón. Nesta edición, o xurado destacou as habilidades actorais de Natalia Outeiro, nomeadamente no ámbito do novo circo, o seu traballo cómico para todos os públicos, o dominio dos tempos en escena e a elegancia do seu humor.

20261107 Entrega Pajarito Maruxa Villanueva (5)

Coa celebración desta vixésimo quinta edición, o Concello de Padrón mantén viva a memoria de Maruxa Villanueva e dá continuidade ao seu apoio ás artes escénicas galegas. O galardón forma parte das iniciativas municipais de promoción da cultura e das letras, xunto co Premio de Narrativa Camilo José Cela e o Certame Poético Rosalía de Castro.

20261107 Entrega Pajarito Maruxa Villanueva (1)

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…