-
As sesións informativas celebradas en outubro en diferentes parroquias do municipio sumaron 194 novos fogares e dous grandes xeradores do ámbito educativo
-
O éxito da iniciativa, na que se repartiron composteiros de balde, confirma o compromiso crecente da veciñanza padronesa coa separación dos residuos orgánicos e a súa valorización na propia orixe
O Concello de Padrón fai un balance moi positivo das sesións informativas de compostaxe doméstica desenvolvidas durante o mes de outubro, no marco do programa municipal de compostaxe descentralizada, unha iniciativa que permitiu ampliar considerablemente a rede de composteiros do concello e incrementar o número de fogares e entidades participantes.
As xornadas celebráronse en diferentes parroquias do municipio, concretamente en Estramundi, Pazos, A Ponte, Carcacía e Arretén. Durante estas sesións, as persoas asistentes recibiron información práctica sobre o funcionamento da compostaxe doméstica, os residuos orgánicos que poden depositarse nos composteiros, a correcta separación dos biorresiduos na orixe e os coidados necesarios para obter compost de calidade.
.jpeg)
As actividades incluíron demostracións prácticas sobre a montaxe, a instalación e a utilización dos composteiros, así como a entrega gratuíta destes elementos e de material informativo para facilitar a súa posta en funcionamento nos fogares.
O desenvolvemento das sesións foi un éxito, tanto pola participación e o interese amosado pola veciñanza como pola importante ampliación da rede municipal de compostaxe. En total, realizáronse 8 sesións formativas dirixidas a vivendas unifamiliares, nas que participaron 194 persoas, ás que se engadiron 4 sesións específicas para grandes xeradores, correspondentes a un Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e a un Colexio Rural Agrupado (CRA).
Estas actuacións permitiron incorporar 194 novas vivendas ao programa municipal, ademais dos dous grandes xeradores do ámbito educativo. Tamén se realizaron labores de seguimento das unidades que xa formaban parte da iniciativa, actualizando os rexistros e comprobando a continuidade da actividade de compostaxe.
Como resultado deste proceso, partiuse dunha situación real de 148 vivendas activas verificadas ao inicio da execución, fronte ás 200 inicialmente consideradas na diagnose técnica. Tras as novas incorporacións e o seguimento efectuado, o programa alcanza 333 vivendas activas ao remate do período de execución, o que supón un importante crecemento da rede de compostaxe municipal. En total, o sistema dá cobertura a 835 habitantes.

Ademais, entregáronse 200 guías de compostaxe e separación de biorresiduos, co obxectivo de reforzar os coñecementos adquiridos durante as sesións e favorecer a correcta utilización dos composteiros.
Compromiso da veciñanza padronesa
O balance destas actuacións confirma o éxito da iniciativa e o compromiso crecente da veciñanza de Padrón coa separación dos residuos orgánicos e a súa valorización na propia orixe.
A incorporación de novas vivendas e centros educativos permite avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible, reducindo a cantidade de residuos que rematan no colector de lixo mesturado e promovendo o aproveitamento dos biorresiduos mediante a súa transformación en compost.
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón continúa ampliando a súa rede de compostaxe descentralizada e reforzando o seu compromiso coa economía circular, a protección ambiental e a participación activa da veciñanza na construción dun municipio máis sostible.
Esta actuación do Concello de Padrón conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través dos fondos europeos.