Print this page
-->

A familia Vidal recibe o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ pola súa contribución ao turismo de calidade’

O Concello distinguiu como Peregrinos de Honra os integrantes da familia do Grupo Scala nun acto celebrado na igrexa de Santiago  ||   

O alcalde destacou a súa hospitalidade, a proxección da gastronomía local e a colaboración con iniciativas que contribúen a mellorar a vila  ||   

Manuel Vidal, pai e fillo, asinaron no Libro de Honra do Concello  ||   

 

 20261030 Padron entrega premio Peregrino Honra familia Vidal 21

 

O Concello de Padrón entregoulle onte á familia Vidal, do Grupo Scala, o galardón Padrón, Berce do Xacobeo 2026, que leva aparellada a distinción de Peregrino de Honra. A cerimonia, celebrada na igrexa de Santiago, recoñeceu máis de catro décadas de traxectoria empresarial e o compromiso da familia cun modelo turístico vinculado á calidade, á gastronomía, ao patrimonio e á acollida das persoas que visitan a vila.

Por primeira vez, o galardón distingue unha familia, poñendo en valor o traballo compartido e a continuidade xeracional dun proxecto estreitamente ligado a Padrón. Durante o acto, o alcalde, Anxo Arca, impúxolle a capa de peregrino e entregoulle o bastón de Peregrino de Honra a Manuel Vidal pai, mentres que a súa esposa recibiu unha réplica do Pedrón. Manuel Vidal pai e Manuel Vidal fillo asinaron tamén no Libro de Honra do Concello.

Na súa intervención, Anxo Arca destacou o valor que a familia e o seu equipo achegan á experiencia xacobea a través dunha oferta gastronómica de calidade e dunha atención marcada pola amabilidade. O alcalde agradeceu a hospitalidade coa que reciben persoas procedentes de distintos países e a súa implicación na difusión da gastronomía e dos recursos turísticos de Padrón, especialmente os vinculados ao Camiño de Santiago.

Arca salientou tamén a disposición do Grupo Scala a colaborar co Concello en iniciativas destinadas a mellorar a oferta turística e a calidade de vida da veciñanza. Como exemplos, citou a súa participación na recente celebración do congreso de Pueblos Mágicos de España e a colaboración no financiamento do alumeado de Nadal, que enmarcou na importancia de sumar esforzos entre a Administración e o tecido empresarial.

O rexedor vinculou este traballo compartido coa preparación do Xacobeo 2027, unha oportunidade para reforzar o papel de Padrón no Camiño de Santiago, conservar o patrimonio e mellorar os servizos ás persoas visitantes. Pechou a súa intervención agradecéndolles aos integrantes da familia Vidal “por deixar sempre no máis alto o nome de Padrón”.

En representación da familia, Manuel Vidal fillo agradeceu o recoñecemento e lembrou as orixes dun proxecto que comezou en 1980 e que foi medrando ata incorporar a segunda xeración, coa terceira xa en camiño. Subliñou a vontade de manter os valores transmitidos polos seus pais: o espírito familiar, a unidade, a proximidade e a hospitalidade.

O seu agradecemento estendeuse ao conxunto da familia, ao equipo de profesionais e á clientela, aos que considerou parte fundamental desta historia. Tras lembrar máis de catro décadas de traballo, esforzo e sacrificio, pero tamén de alegrías, explicou que a hostalaría representa para eles unha forma de vida: abrir as portas da súa casa para que cada persoa se sinta acollida.

“Padrón é a nosa casa, a nosa vida”, expresou Manuel Vidal, quen reafirmou o compromiso de seguir traballando coa mesma ilusión e dedicación para que a vila continúe sendo un lugar de acollida, encontro e referencia. A familia recibiu o premio con orgullo e gratitude, e como un estímulo para continuar a súa traxectoria.

O Grupo Scala integra o Hotel Scala, o Asador O’Pazo, o Pazo de Arretén e o Restaurante Brandal. A súa actividade abrangue o aloxamento, a restauración e a celebración de eventos, cunha proposta que contribúe á promoción turística, gastronómica e patrimonial do municipio.

O acto contou coa asistencia do goberno padronés e de representantes da Corporación municipal, do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez; do alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís; e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, entre outras autoridades.

Durante a cerimonia, tanto o alcalde como o párroco trasladaron as súas condolencias ás familias e amizades das vítimas do accidente ferroviario de Toledo.

 

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…