O Concello de Padrón incorpora un auxiliar administrativo ao departamento de Urbanismo grazas á subvención cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e xestionada pola Xunta de Galicia destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Padrón accede a estas axudas para favorecer o emprego xuvenil e reforzar os servizos municipais mediante a incorporación de persoal administrativo. A contratación permitirá mellorar a capacidade de resposta do departamento de Urbanismo, un dos servizos municipais con maior carga de traballo e demanda veciñal, especialmente no relativo á xestión da biomasa.
A contratación enmárcase na Orde do 22 de maio de 2026, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil por parte das entidades locais e dos organismos intermedios sen ánimo de lucro de Galicia. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O custo total da contratación ascende a 26.078,56 euros, dos cales 16.902,64€ (64,81%) son financiados mediante a subvención, mentres que o Concello de Padrón achega os 9.175,92€ restantes (35,19 %).
Con esta iniciativa, o Concello busca acadar un dobre obxectivo, contribuír á inserción laboral da mocidade, facilitando o acceso ao emprego das persoas menores de 30 anos e fortalecer os recursos humanos municipais para ofrecer unha atención máis áxil e eficaz á veciñanza.
A continuidade desta medida por segundo ano consecutivo reafirma o compromiso do Concello de Padrón coas políticas activas de emprego xuvenil e co aproveitamento das liñas de financiamento autonómicas e europeas para mellorar os servizos públicos municipais.