Print this page
-->

Padrón reforza os Servizos Sociais para ofrecer unha atención máis próxima ás persoas

  • O Concello vén de acadar coa Deputación da Coruña dúas liñas de financiamento destinadas a fortalecer o equipo municipal, ampliar o Servizo de Axuda no Fogar e desenvolver durante 2026 diferentes programas de apoio social

  • Entre outras medidas, adquiriranse reloxos de apoio e seguridade para reforzar a protección das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar nos seus desprazamentos e na atención domiciliaria

O Concello de Padrón continúa reforzando os seus Servizos Sociais co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, áxil e adaptada ás necesidades da veciñanza. Para iso, solicitou á Deputación da Coruña dúas subvencións que permitirán consolidar o persoal municipal e financiar diferentes recursos dirixidos ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A través do Fondo de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, coñecido como FOPPSS, financiarase a contratación de dúas auxiliares, dunha técnica de intervención familiar e da coordinadora municipal de voluntariado. Estes postos resultan fundamentais para acompañar as familias, atender as necesidades sociais e coordinar os programas de apoio e participación cidadá que se desenvolven no municipio.

Esta subvención contribuirá tamén ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia. Este recurso permite que persoas maiores, con dificultades de autonomía ou que precisan apoio para realizar as actividades cotiás, poidan continuar vivindo na súa casa e na súa contorna habitual, recibindo unha atención profesional e personalizada.

Pola súa parte, o POS+ Social de 2026 permitirá financiar as axudas municipais de emerxencia social, destinadas a dar resposta a necesidades básicas e a situacións imprevistas que afectan ás persoas e ás familias con maiores dificultades económicas.

O programa provincial apoiará tamén a continuidade de Conquistando Babel, unha iniciativa de intermediación cultural a desenvolver entre os meses de setembro e decembro para facilitar a integración, a convivencia e o achegamento das persoas migrantes aos recursos municipais. A esta actuación súmase un programa de asesoramento que lles ofrece acompañamento durante todo o ano 2026.

Ademais, o financiamento permitirá adquirir reloxos de apoio e seguridade destinados ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar. Estes dispositivos contribuirán a reforzar a protección das profesionais tanto durante os seus desprazamentos como no desenvolvemento da atención que prestan nos domicilios, incorporando unha medida adicional de seguridade ao seu traballo diario.

Con estas actuacións, o Concello de Padrón aposta por uns Servizos Sociais máis próximos, accesibles e preparados para acompañar as persoas nas distintas situacións que poden xurdir ao longo da súa vida.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…