-
A nova edil asumirá tamén Economía e facenda, Persoal, Promoción do emprego e traballo, e Benestar animal
-
Tomou posesión no pleno ordinario deste mércores para cubrir a vacante deixada pola finada Ana Castro
-
O alcalde, Anxo Arca, acomete unha ampla reorganización das áreas e das tenencias de alcaldía do goberno municipal
-
A Corporación gardou un minuto de silencio en lembrada da finada concelleira Ana Castro

Yolanda Carbia Castro incorporouse ao Goberno municipal de Padrón tras tomar posesión como concelleira no Pleno ordinario da Corporación celebrado este 23 de setembro. A nova edil cubrirá a vacante producida polo pasamento de Ana Castro García, para quen o alcalde tivo palabras de recordo e agradecemento. A sesión comezou gardando un minuto de silencio en memoria e lembranza de Ana Castro.
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariales pola USC, Yolanda Castro leva máis de vinte anos dedicada á docencia. Actualmente é profesora de Formación e Orientación Laboral e secretaria do IES de Valga. Durante os oito meses que restan de mandato, asumirá as competencias de Educación e cultura; Economía e facenda; Persoal; Promoción do emprego e traballo, e Benestar animal.
Antes de darlle a benvida á nova concelleira, Anxo Arca lembrou a “extraordinaria vocación de servizo público” de Ana Castro. “Durante os tres últimos anos da súa vida dedicouse a mellorar este pobo. Ata os últimos momentos estivo preocupada porque os padroneses e as padronesas tivesen as mellores oportunidades. Moitos dos proxectos nos que participou Ana serán desfrutados pola cidadanía durante mitos anos”, asegurou o alcalde.
De seguido, Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Castro como nova concelleira de Padrón, “unha persoa con grande capacidade de traballo”. Tras entregarlle a insignia e a medalla a Corporación, o alcalde explicou que a incorporación de Yolanda Carbia leva aparellada unha ampla reorganización das áreas delegadas entre os membros do goberno socialista, así como das tenencias de alcaldía, como recolle o decreto asinado pola alcaldía.
Ademais das funcións propias da Alcaldía, Anxo Arca asumirá as áreas de Axenda 2030; Transición ecolóxica; Información e comunicación; Relacións institucionais e cos sectores económicos; Seguridade cidadá (Policía Local, Protección Civil e GES); Tráfico; Saúde pública; Urbanismo, e Vivenda e solo.
Chus Campos Varela continuará como primeira tenente de alcalde e responsabilizarase de Turismo; Festexos; Xacobeo 2027; Comercio; Medio ambiente; Parques e xardíns; Limpeza viaria, e Cemiterios.
Luis Mariño Castro pasará a ser o segundo tenente de alcalde. Terá ao seu cargo Deportes; Vías e obras; Abastecemento de auga potable; Saneamento; Alumeado público; Xestión enerxética; Recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos; Praza de abastos, mercado dominical e, en xeral, venda ambulante.
Laura Horta Ignacio ocupará a terceira tenencia de alcaldía e manterá as áreas que xa dirixía: Dixitalización e modernización da administración local; Novas tecnoloxías; Formación; Política lingüística, e Participación cidadá.
Pola súa banda, Mariló Saco Vigo continuará á fronte de Servizos sociais; Igualdade e muller; Relacións veciñais; Terceira idade; e Xuventude e voluntariado.
Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Carbia e destacou a súa experiencia profesional e a súa vontade de traballo ao servizo da veciñanza. O alcalde explicou que esta reorganización, motivada polo pasamento de Ana Castro, ten como obxectivo “manter o ritmo de traballo desenvolvido desde o inicio do mandato e afrontar os numerosos proxectos cos que queremos mellorar a calidade de vida de todos os padroneses e as padronesas”.