-
A inscrición permanecerá aberta ata o 19 de xullo
-
As prazas adxudicaranse por orde de presentación das solicitudes, criterio que tamén determinará a elección de horarios nas materias con maior demanda
O Concello de Padrón abrirá o vindeiro luns, 6 de xullo, o prazo de matrícula para o curso 2026/2027 da Escola Municipal de Música, que ano tras ano ofrece formación musical á cativada, á mocidade e a persoas adultas do municipio. O período ordinario para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de xullo, mentres que ao longo do curso se manterá un prazo extraordinario de matrícula sempre que existan prazas dispoñibles.
Como é habitual, a adxudicación das prazas realizarase seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes. Este mesmo criterio aplicarase na asignación de horarios naquelas materias que rexistren unha maior demanda, polo que desde o Concello recoméndase ás persoas interesadas formalizar a matrícula o antes posible. Ademais, o alumnado matriculado durante o curso anterior terá preferencia na asignación das prazas.
A Escola Municipal de Música mantén unha ampla oferta formativa adaptada a diferentes idades e niveis. Así, o alumnado poderá matricularse en Música e Movemento, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, en Linguaxe Musical e Iniciación ou optar por diferentes especialidades instrumentais como piano, frauta traveseira, óboe, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, percusión, violonchelo ou canto.
No que respecta ás taxas, o importe da matrícula será de 60 euros para Música e Movemento, 90 euros para Linguaxe Musical e Iniciación e 100 euros para as especialidades instrumentais. A ordenanza municipal contempla, ademais, diferentes bonificacións e exencións en función da renda da unidade familiar, así como reducións para familias con varios membros matriculados e para o alumnado que curse dúas materias, co obxectivo de facilitar o acceso á formación musical ao maior número posible de persoas.
Como formalizar a matrícula
Para formalizar a matrícula será necesario cubrir o impreso oficial (que pode descargarse premendo nesta ligazón), realizar o ingreso da taxa correspondente na conta bancaria indicada no propio formulario e presentar toda a documentación no Rexistro Xeral do Concello, ben de forma presencial ou a través da sede electrónica mediante unha solicitude xeral, á que se deberán achegar tanto o impreso de matrícula como o xustificante do pagamento.
O Concello de Padrón anima as familias e as persoas interesadas a aproveitar esta nova convocatoria da Escola Municipal de Música, un espazo de aprendizaxe que contribúe non só á formación artística do alumnado, senón tamén ao desenvolvemento da creatividade, da sensibilidade musical e do traballo en equipo, consolidándose como unha das principais referencias culturais e educativas do municipio.