Print this page
-->

O Concello de Padrón publica a listaxe de participantes admitidos no campamento de verán ‘A Vila do Mañá’

  • O programa desenvolverase no CEIP Rosalía de Castro os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño

  • A iniciativa, gratuíta e con 50 prazas, combina conciliación familiar, creatividade e participación infantil

20260609 campamento vila manha

 

16 de xuño de 2026

 

O Concello de Padrón publica a listaxe de participantes admitidos e excluídos no campamento “A Vila do Mañá”. 

A relación pode revisarse premendo no seguinte enlace e no taboleiro de anuncios do Concello. 

 

9 de xuño de 2026

 

O Concello de Padrón pon en marcha este verán o campamento “A Vila do Mañá”, unha iniciativa que combina conciliación familiar e aprendizaxe a través do xogo e da creatividade. A actividade desenvolverase no CEIP Rosalía de Castro os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño e está dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 14 anos.

Trátase dunha proposta innovadora que lle permitirá á rapazada achegarse ao coñecemento do espazo público desde unha perspectiva diferente, empregando ferramentas vinculadas á arquitectura pedagóxica, ao urbanismo participativo, á expresión artística e ao traballo colaborativo. O obxectivo é fomentar a observación, a reflexión e a capacidade de imaxinar como poderían ser os espazos que habitan no futuro.

O programa conta cun máximo de 50 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, e desenvolverase en horario de 07.45 a 15.15 horas. A participación será gratuíta para todas as familias.

A actividade está subvencionada polo Ministerio de Cultura e polo Concello de Padrón, reforzando así a aposta por iniciativas educativas e de conciliación durante o período estival.

As inscricións poderán realizarse entre o 10 e o 15 de xuño a través da Sede Electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Municipal. Os formularios de inscrición están dispoñibles nesta ligazón e tamén poden recollerse no Centro de Información á Muller (CIM), no edificio de Servizos Sociais, en horario de 9.30 a 14.30 horas.

A listaxe de persoas admitidas publicarase o 17 de xuño no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.

O Concello anima as familias interesadas a formalizar a inscrición dentro do prazo establecido para participar nesta experiencia educativa que convida á rapazada a descubrir, analizar e imaxinar o Padrón do futuro.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…