-->

Mats Wenzel impónse na 63ª Clásica de Pascua e confirma a Padrón como capital galega do ciclismo

  • O ciclista do equipo Kern Pharma gaña ao esprint tras unha xornada de alta esixencia deportiva

  • Javier Cubillas (Movistar) e Jesús Herrada (Burgos) completaron o podio

  • O alcalde, Anxo Arca, deu a saída oficial e participou na entrega de premios xunto a membros da corporación municipal

20260412 1 Padron Pascua ciclismo Clasica de Pascua 5

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros Chus Campos e Luis Mariño, participou activamente na 63ª Clásica de Pascua, sendo o encargado de dar a saída oficial da proba coa tradicional corta de cinta e formando parte posteriormente da entrega de premios aos gañadores.

O Concello de Padrón valora moi positivamente esta edición, marcada polo salto da proba ao calendario internacional 1.2 da UCI como segunda cita da Challenge Futura, un circuíto que reforza o seu nivel competitivo e a súa proxección.

No plano deportivo, o triunfo foi para o corredor do Kern Pharma, Mats Wenzel, que se impuxo nun apertado esprint a Javier Cubillas (Movistar), sendo terceiro Jesús Herrada (Burgos). O ciclista do Cortizo, Maksym Bilyi, completou unha destacada actuación ao finalizar na cuarta posición. A carreira, segunda cita da Challenge Futura, estivo marcada por un alto ritmo competitivo e pola dureza dun percorrido selectivo que foi rompendo o pelotón ata conformar un grupo reducido no tramo decisivo.

A entrega de premios contou cunha ampla representación institucional e do ámbito deportivo, coa presenza de Antonio Leira Piñeiro, deputado de Deportes da Deputación da Coruña; José Vicioso, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Tanis Vázquez, presidente do Club Ciclista Padronés; e Javier Figueroa, director de márketing de Cortizo. Tamén estiveron presentes o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o concelleiro de Deportes, José Luis Ares, reforzando a colaboración entre concellos.

20260412 1 Padron Pascua ciclismo Clasica de Pascua 27

Durante o acto de entrega, o alcalde puxo en valor o significado da proba para a vila: “A Clásica de Pascua é un orgullo para Padrón, o Club Ciclista Padronés é un orgullo para Padrón, e esta é unha cita que se consolida e que agora, con este novo impulso grazas á Federación, aínda máis. Espero que todo o mundo a desfrutara e o ano que vén volveremos estar aquí cunha gran carreira”. Arca destacou tamén o traballo colectivo que sustenta o crecemento da cita: “Isto é grazas a xeracións de persoas que traballaron moi duro para que poidamos chegar ata aquí. É o resultado: unha carreira que vai a máis nun pobo que se converte na capital galega do ciclismo”.

Neste sentido, subliñou o papel de Padrón no calendario ciclista de 2026: “Tivemos xa as Rutas Xacobeas, a Clásica de Pascua, en poucos días acolleremos O Gran Camiño e remataremos este ano coa Vuelta Ciclista Feminina. Que non teña ninguén ningunha dúbida de que Padrón é a capital galega do ciclismo”.

20260412 1 Padron Pascua ciclismo Clasica de Pascua 12

A xornada completouse cun ambiente festivo nas instalacións do Campus Teconolóxico Cortizo, que volveron converterse no epicentro da proba, reunindo a numeroso público arredor da saída e chegada. A programación paralela, con zona gastronómica, actividades e espazos de lecer, contribuíu a facer da Clásica de Pascua unha auténtica festa do ciclismo aberta á veciñanza e visitantes.

O Concello agradece o traballo do Club Ciclista Padronés, así como a implicación das institucións, patrocinadores, voluntariado e dispositivos de seguridade, cuxa coordinación fixo posible o correcto desenvolvemento dunha proba que continúa medrando en dimensión e prestixio. Con esta edición, Padrón reafirma o seu papel como escenario de grandes eventos deportivos e consolida a súa identidade como un dos grandes referentes do ciclismo en Galicia.

 

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…