Print this page
-->

O Concello de Padrón incorpora unha nova administrativa ao departamento de Urbanismo grazas á Garantía Xuvenil

O Concello de Padrón contratou unha profesional administrativa para o departamento de Urbanismo, grazas ás axudas previstas na Orde do 13 de agosto de 2025, que establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Estas subvencións, dirixidas a entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro na Comunidade Autónoma de Galicia, están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (procedementos TR350E e TR349Z).

A incorporación desta nova administrativa permite reforzar a capacidade de resposta do departamento de Urbanismo, un dos servizos municipais con maior carga de xestión e demanda veciñal. O financiamento da contratación realízase de forma mixta: o 65,34 % é cuberto pola axuda europea e o 34,66 % polo propio Concello de Padrón.

O goberno local destaca que esta medida contribúe a mellorar a calidade do servizo público e, ao mesmo tempo, favorece a inserción laboral dunha persoa nova do municipio ou contorna, apoiando o obxectivo central da Garantía Xuvenil: facilitar o acceso ao emprego a mozos e mozas menores de 30 anos.

Con esta acción, o Concello de Padrón reforza o seu compromiso co emprego xuvenil e co funcionamento eficiente dos servizos municipais, ao tempo que impulsa a participación activa da mocidade na vida laboral e administrativa do municipio.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…