-
O goberno local pide reforzar os horarios laborais e aumentar o servizo de volta desde Santiago ao mediodía
-
O Concello denuncia esperas excesivas e insuficiencia de conexións nun momento de aumento da demanda
O Concello de Padrón presentou ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia un documento de alegacións ao proxecto de explotación clave XG847, que regula o servizo de transporte público interurbano entre Padrón e Santiago de Compostela. A administración local solicita unha revisión da planificación actual para garantir unha mellor cobertura dos horarios laborais e educativos, e para adaptar o servizo ao incremento de persoas usuarias rexistrado no último ano.
Segundo o Concello, o plan presentado pola Xunta amosa carencias en determinadas franxas horarias, especialmente nas primeiras horas da mañá de Padrón a Santiago e tamén ao mediodía en sentido inverso. As alegacións defenden que a oferta actual non resulta suficiente para cubrir as necesidades das persoas que se desprazan a Santiago por motivos de traballo, estudos ou atención médica.
Unha das peticións máis reiteradas pola veciñanza é o reforzo do servizo de volta desde Santiago ao mediodía, xa que actualmente só existe unha expedición nesa franxa horaria. O Concello lembra que o pasado 6 de setembro, moitas persoas quedaron na parada sen poder regresar, tendo que agardar desde as 13:30 ata as 16:05 horas.
Aquela situación derivou en cinco reclamacións formais. O goberno local considera que esta franxa é de “alta demanda”, xa que coincide co horario de saída de xornadas laborais, clases universitarias e citas médicas.
Incremento de usuarios e recorte de servizos
Desde o Concello non se comprende o recorte de paradas e frecuencias nun contexto de aumento do número de persoas usuarias. Ademais do crecemento do censo de poboación, o consistorio destaca o transvasamento de viaxeiros do tren ao autobús tras a finalización das bonificacións ferroviarias que estiveron vixentes desde 2022.
Esta maior demanda, subliñan, está a provocar saturación en determinados horarios e que moitas persoas queden sen praza, especialmente nos servizos coincidentes co comezo e finalización das xornadas laborais e educativas.
O Concello recolle tamén queixas da cidadanía por incumprimentos de horarios, falta de prazas e deficiencias no estado dalgúns vehículos, como asentos deteriorados ou falta de limpeza. Ademais, sinala carencias na atención ao usuario: a estación de autobuses de Padrón carece de punto de información operativo e non conta con paneis dixitais nin canles actualizadas para consultar horarios e incidencias.
Petición dunha mellora integral do transporte
As alegacións municipais propoñen reforzar as conexións con Santiago en todas as franxas horarias, mellorar a coordinación cos servizos ferroviarios e estudar a implantación de liñas directas Padrón–Santiago, sen pasar por outros concellos, co fin de reducir tempos de viaxe.
Tamén se solicita unha mellora da atención e da información ás persoas usuarias e un control máis rigoroso sobre o mantemento dos vehículos.
O Concello confía en que a Xunta teña en conta estas propostas antes da aprobación definitiva do proxecto, co obxectivo de ofrecer un transporte público máis eficiente e adaptado á realidade de Padrón.