Print this page
-->

Padrón entrega o Premio do Certame Poético Rosalía de Castro a Xurxo Alonso por 'Actas de sospeita'

  • Coincidindo con este recoñecemento tamén se presentou o libro galardoado, publicado na colección Poesía Rosalía de Castro

  • O alcalde Anxo Arca recoñeceu a calidade artística da obra que  ofrece unha visión renovada sobre a represión franquista 

 

O Auditorio da Fundación Rosalía de Castro acolleu este venres 14 de marzo a entrega do Premio do Certame Poético Rosalía de Castro, que nesta décima edición recoñeceu a obra Actas de sospeita do escritor e pintor Xurxo Alonso García. Coincidindo con este recoñecemento, tamén se presentou o libro galardoado, publicado na colección Poesía Rosalía de Castro.

O xurado do certame destacou esta obra por ofrecer unha visión renovada e profunda, a través do formato epistolar, sobre o horror fascista de 1936. Ademais, salientou a súa lingua patrimonial rica e a calidade estilística da escrita, elementos clave para ser escollida entre os 43 traballos presentados.

Xurxo Alonso, nado en Bos Aires en 1956 e residente en Vilagarcía dende a infancia, é unha figura recoñecida no panorama literario galego, con nove libros publicados e múltiples premios, como o Avelina Valladares, o Cidade de Ourense ou o Díaz Castro. Como pintor, tamén conta cunha ampla traxectoria artística, con máis de 70 exposicións individuais.

O acto contou coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca, e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que intercambiaron impresións sobre a obra co autor nun pequeno coloquio. Ademais, numerosos veciños e amantes da poesía quixeron ser tamén testemuñas deste recoñecemento á literatura e á memoria histórica.

Coa entrega deste premio e a publicación da obra galardoada, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa promoción da poesía e a cultura galega, consolidando o Certame Rosalía de Castro como un referente no ámbito literario.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…