Print this page
-->

O goberno padronés consegue unha subvención de 400.000 € para a escola infantil municipal

O alcalde, Anxo Arca, informou ao pleno que esta achega do Fondo de Cooperación Local representa o 50% do orzamento  ||  

O Concello aportará o resto dos fondos para a reforma integral dun servizo esencial para a cidadanía  ||  

 

 

O alcalde de Padrón informou onte ao Pleno da Corporación que o Concello conseguiu unha subvención que cubrirá a metade do orzamento para a rehabilitación integral da escola infantil municipal, un servizo que o goberno local considera esencial para a cidadanía. O Concello aportará o resto dos fondos necesarios para executar este proxecto.

Anxo Arca asegurou que esta subvención “evidencia tanto a capacidade deste goberno para captar fondos externos que alivien o gasto das arcas municipais como a calidade deste proxecto tan necesario para Padrón, despois de doce anos de falta de mantemento acumulado”.

O alcalde resaltou o traballo conxunto da concelleira de Educación e Ensino, Mariló Saco, e da xefa de gabinete da alcaldía, que se materializou “nesta importante achega”. A subvención concedida ao Concello procede do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, xestionado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O Concello de Padrón xa mobilizara os fondos necesarios para a rehabilitación integral da escola infantil municipal, un proxecto que representa un investimento de 792.917 euros. Agora, coa xestións realizadas para conseguir esta subvención que lle foi notificada ao concello o pasado 25 de novembro, as arcas municipais tan só deberán aportar 396.458,83 euros. 

Anxo Arca lembra que “aumentar o mantemento e  dispoñer de instalacións municipais modernas e de calidade é unha prioridade para o goberno padronés”.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…