O alcalde de Padrón, Anxo Arca, resaltou a colaboración entre administracións e empresas para darlle unha oportunidade laboral a persoas desempregadas ||
Formáronse 107 homes e mulleres dos concellos de Padrón, Rois, Dodro, Pontecesures, Rianxo e Valga ||
O secretario territorial da Xunta resalta o triple obxectivo dos PIE: favorecer a aprendizaxe, a cualificación e a adquisición de experiencia laboral entre o alumnado ||
A Consellería de Promoción do Emprego financiou este programa con 250.000 euros ||
Os seis alcaldes agardan a concesión do novo programa de formación ||
O Programa integrado de emprego (PIE) no que se estiveron formando 107 persoas desempregadas de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Rianxo e Valga volveu superar a taxa de inserción laboral que establece a Xunta de Galicia. Segundo se puxo de manifesto onte na clausura do PIE, o 40 por cento do alumnado asinou un contrato de traballo dende que comezou a súa formación a finais do ano pasado. A Consellería de Promoción do Emprego financiou con 250.000 euros este programa, que estivo coordinado polo Concello de Dodro.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou a colaboración entre “concellos de diferentes cores políticas, que, por riba de calquera outra consideración, fomos quen de poñernos de acordo para darlle unha oportunidade laboral á nosa veciñanza”. Tamén incidiu no apoio das das empresas que colaboran co programa. “Temos que sentirnos afortunados de contar con empresas sensibles que intentan ofertar un emprego de calidade”, afirmou.
Anxo Arca desexoulle ao alumnado “o mellor futuro”, e rematou indicando que dende o Concello de Padrón, “xunto cos concellos irmáns”, seguirase apostando por este tipo de iniciativas que favorecen as persoas que están en situación de desemprego.
O secretario territorial da Xunta na Coruña, Severino Álvarez Monteserín, ao igual que o resto de alcaldes presentes na clausura, puxo en valor a colaboración tanto das empresas como dos seis concellos para mellorar a empregabilidade das 107 persoas participantes neste PIE. Severino Álvarez lembrou a implicación da Consellería de Promoción do Emprego, que financiou este programa con 250.000 euros, e promove un total de oito programas integrados de emprego na comarca de Santiago.
Para o representante da Xunta, este modelo de formación apóiase en tres eixos fundamentais: favorecer a aprendizaxe de persoas desempregadas, mellorar a súa cualificación e permitirlle adquirir experiencia laboral grazas ás prácticas nas empresas colaboradoras.
Os seis alcaldes agardan agora a que dende a Xunta se conceda un novo programa integrado de emprego para seguir facilitando a inserción laboral da súa veciñanza. Neste senso, Severino Álvarez, anunciou “boas novas” para un futuro próximo.
Os alcaldes de Dodro, Rois, Rianxo e Valga presentes no acto tamén destacaron a colaboración entre os diferentes concellos para desenvolver esta iniciativa. A alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, agradeceu “a xenerosidade e a predisposición dos concellos de Padrón, Rois e Dodro” (que desenvolveron as seis primeiras edición destes PIE) para que esta formación beneficie tamén á veciñanza dos outros tres municipios participantes.