Camilo José Cela Trulock naceu na parroquia padronesa de Iria Flavia o 11 de maio de 1916. Fillo de pai galego e nai con ascendencia inglesa e italiana, pasou a súa infancia en Galicia, antes de trasladarse a Madrid en 1925 coa súa familia. Tras varias incursións no mundo da poesía, a súa carreira literaria comeza a ser unha realidade en 1942 coa publicación da súa primeira novela, "La familia de Pascual Duarte", obra de certa crueza á que lle seguirían trece novelas máis ata "Madera de boj" en 1999. Entre elas destaca "La colmena", novela que foi editada en 1951 en Bos Aires polos seus problemas en España coa censura.
Camilo José Cela foi un autor de éxito, prolífico en número de obras publicadas e abundante en xéneros literarios cultivados: novelista, poeta, ensaísta, lexicógrafo, dramaturgo... facetas todas elas que revelan a súa enorme e enraizada vocación polo oficio de escribir e unha incansable sede de experimentación, que deron como resultado máis de 120 títulos con numerosas edicións e traducións a alomenos 40 idiomas: 14 novelas, oito novelas curtas, cinco libros de poesía, 17 libros de viaxes, 20 libros de artigos, 26 de contos, tres de teatro, un romance de cego, cinco adaptacións, dous de entrevistas, 13 de temática variada, un de lexicografía, tres diccionarios e dous libros de memorias: "La rosa (memorias de la niñez)" e "Memorias, entendimientos y voluntades (memorias de juventud)". Tamén foi xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias, conferenciante, pintor, actor e un longo etcétera de facetas nas que demostrou a súa creatividade e forte personalidade.
O seu labor literario reportoulle os máis destacados premios e recoñecementos deste eido: en 1984 recibiu o Premio Nacional de Narrativa; en 1989 foille concedido o Premio Nobel de Literatura "pola súa prosa rica e intensa, que, con refreada compaixón, configura unha visión provocadora do desamparo do ser humano"; dous anos antes (1987) recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras; e seis anos máis tarde (1995) seríalle concedido o máximo galardón las letras españolas, o Premio Cervantes.
En 1956 fundou e comezou a dirixir desde Mallorca a revista de creación literaria "Papeles de Son Armadans", que resulta fundamental para entender a literatura española da posguerra e que mantivo activa ata 1979, chegándose a editar 276 números durante os seus 23 anos de vida.
En 1957 Camilo José Cela ingresou na Real Academia Española, apadriñado por Vicente Aleixandre, Gregorio Marañón e Joaquín Calvo-Sotelo. Nesta institución ocuparía o sillón Q e o seu discurso de ingreso, "La obra literaria del pintor Solana", sería contestado polo propio Gregorio Marañón. Vinte anos máis tarde (1977), o Rei Juan Carlos nomeouno senador nas primeiras Cortes Xerais da transición democrática, chegando a participar na redacción do texto da Constitución.
Ao longo da súa carreira literaria, recibiu 25 doctorados Honoris Causa por 16 países distintos de catro continentes e viu como a súa obra se editaba e traducía a máis de 40 idiomas. De feito, "La familia de Pascual Duarte" é considerada por moitos como a novela española máis editada e traducida despois de "El Quijote".
Morreu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 aos 85 anos de idade e o seu legado literario e artístico consérvase en Padrón, en Iria Flavia, na fundación que leva o seu nome -ubicada fronte á colexiata de Santa María de Adina, nas denominadas Casas dos Canónigos, por ter sido residencia deles no século XVIII-.
Máis información nas seguintes ligazóns:
A celebración da Pascua de Padrón remóntase ao século XVII e a súas orixes baséanse na organización dunha feira cabalar de comezos aínda máis remotos á que acudían tratantes de todos os puntos de Galicia e mesmo de Castela.
Co paso do tempo, arredor da actividade comercial fóronse incorporando elementos culturais, deportivos, lúdicos e relixiosos, estes últimos pola coincidencia das datas de celebración coa Semana Santa, tamén moi arraigada en Padrón. Todos estes ingredientes converteron á Pascua na primeira romaría importante do calendario festivo galego.
Ao longo da súa historia, esta celebración atravesou diversas vicisitudes, que incluso estiveron a punto de rematar con ela. De feito, era tal a importancia que tiña a comezos do século XIX, que o Concello de Santiago solicitoulle á monarquía con espurios argumentos o traslado da feira padronesa a Compostela, tal e como recolleu o arquiveiro Pablo Pérez Constanti nas súas "Notas Viejas Galicianas". Nembargantes, a súa maxestade non tomou en consideración esa petición, acordando desestimala e ordeando que subsistira dita feira en Padrón.
Desde entón, a feira cabalar celébrase ininterrompidamente todos os anos, coincidindo coa Pascua de Resurrección, de aí o seu nome. Na actualidade, ademais da feira cabalar, a programación de actividades da Pascua de Padrón inclúe desde a tradicional lectura do pregón ata espectáculos ecuestres, a instalación de atraccións infantís, probas deportivas, actos culturais, eventos musicais e senllos actos de irmandamento cos concellos veciños de Santiago e Rianxo. Todas estas actividades atraen cada ano ata a capital da Comarca do Sar a milleiros de visitantes.
Máis de 50.000 persoas visitan cada ano esta vila, última etapa do Camiño Portugués cara Compostela
A tradición xacobea ten en Padrón as súas orixes e son numerosos os lugares deste concello nos que as pegadas das crenzas relixiosas chegan ata os nosos días.
No presbiterio da igrexa de Santiago, situada á beira do río Sar e da ponte do Carme, consérvase "O Pedrón", unha ara romana da que etimoloxicamente procede o nome da vila de Padrón e que estaría adicada a Neptuno, deus dos mares e de todas as augas. Aprecíase nesta ara a inscrición "NO ORIS ESES D S P", que se interpreta como "A Neptuno, o Foro Iriense, cos seus cartos".
Segundo a tradición cristiá da Traslatio Xacobea, recollida no Libro III do Códice Calixtino, dous discípulos do Apóstolo, Teodoro e Atanasio, amarraron a este militario romano a barca que, guiada por un anxo, transportaba o seu cadavre desde Haffa (Palestina), onde fora martirizado. Naquel entón considerábase que o corpo do Apóstolo debía descansar no lugar máis lonxano de predicación e pénsase que ese punto era Padrón, concretamente o monte de San Gregorio, en cuxos penedos o Apóstolo Santiago predicara aos xentís e onde fixera brotar co seu báculo a fonte milagreira embaixo da ermida.
Este santuario paleocristián é un lugar histórico de peregrinacións xacobeas desde a Idade Media, sendo impulsado no século XV polo arcebispo Rodrigo de Luna e a comezos do século XX polo arcebispo Martín de Herrera.
A este monte, no que cada 25 de xullo se celebra a romaría do Santiaguiño, accédese subindo as escaleiras do Vía Crucis e nel atópanse outras referencias á tradición xacobea: a capela coa tumba de Gregorio, a casa do ermitán, a fonte milagreira e o conxunto dos penedos coa figura de Santiago. Todo un conxunto de gran beleza paisaxística e desde onde se pode contemplar a mellor panorámica do val de Padrón.
Historicamente, desde que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón converteuse no principio da ruta cara ao sepulcro para os peregrinos que chegaban por mar. Co paso do tempo, a consolidación das peregrinacións a Santiago afectaron a todos os lugares polos que discorría o Camiño e a vila de Padrón, como punto do Camiño Portugués, foi un deles. Cada ano milleiros de peregrinos pasan por Padrón camiño de Compostela, posto que en moitos casos constitúe o punto de partida da última etapa do Camiño Portugués.