-->

Padrón, berce do Xacobeo

 

A tradición xacobea ten en Padrón as súas orixes e son numerosos os lugares deste concello nos que as pegadas das crenzas relixiosas chegan ata os nosos días.

No presbiterio da igrexa de Santiago, situada á beira do río Sar e da ponte do Carme, consérvase "O Pedrón", unha ara romana da que etimoloxicamente procede o nome da vila de Padrón e que estaría adicada a Neptuno, deus dos mares e de todas as augas. Aprecíase nesta ara a inscrición "NO ORIS ESES D S P", que se interpreta como "A Neptuno, o Foro Iriense, cos seus cartos".

PeregrinoSegundo a tradición cristiá da Traslatio Xacobea, recollida no Libro III do Códice Calixtino, dous discípulos do Apóstolo, Teodoro e Atanasio, amarraron a este militario romano a barca que, guiada por un anxo, transportaba o seu cadavre desde Haffa (Palestina), onde fora martirizado. Naquel entón considerábase que o corpo do Apóstolo debía descansar no lugar máis lonxano de predicación e pénsase que ese punto era Padrón, concretamente o monte de San Gregorio, en cuxos penedos o Apóstolo Santiago predicara aos xentís e onde fixera brotar co seu báculo a fonte milagreira embaixo da ermida.Padrón Santiago

Este santuario paleocristián é un lugar histórico de peregrinacións xacobeas desde a Idade Media, sendo impulsado no século XV polo arcebispo Rodrigo de Luna e a comezos do século XX polo arcebispo Martín de Herrera.

A este monte, no que cada 25 de xullo se celebra a romaría do Santiaguiño, accédese subindo as escaleiras do Vía Crucis e nel atópanse outras referencias á tradición xacobea: a capela coa tumba de Gregorio, a casa do ermitán, a fonte milagreira e o conxunto dos penedos coa figura de Santiago. Todo un conxunto de gran beleza paisaxística e desde onde se pode contemplar a mellor panorámica do val de Padrón.

Historicamente, desde que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón converteuse no principio da ruta cara ao sepulcro para os peregrinos que chegaban por mar. Co paso do tempo, a consolidación das peregrinacións a Santiago afectaron a todos os lugares polos que discorría o Camiño e a vila de Padrón, como punto do Camiño Portugués, foi un deles. Cada ano milleiros de peregrinos pasan por Padrón camiño de Compostela, posto que en moitos casos constitúe o punto de partida da última etapa do Camiño Portugués.

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15009 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. More details…