Print this page
-->

Os pementos

 

Os pementos de Padrón coñécense practicamente no mundo enteiro. As súas orixes remóntanse ao século XVII, cando uns frailes da orde franciscana asentada no convento de San Antón, na parroquia padronesa de Herbón, retornaron dunhas misións en América traendo as sementes dos pementos que se cultivaban no estado mexicano de Tabasco, na zona fronteiriza entre México e Estados Unidos.Mapa DOP Pementos de Herbón

A finais do século XVIII, o pemento seco e moído xa se comercializaba en Herbón e constituía unha importante fonte de ingresos, tal e como testemuñan documentos do Catastro da Ensenada. O proceso de selección varietal e as prácticas culturais de recolección precoz comezaron entón a transmitirse desde a comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un sistema de produción altamente especializado, no que as sementes eran transmitidas como bens parafernais -formando parte da dote- e nunca fóra da zona de produción.

Na actualidade, a Denominación de Orixe Protexida "Pemento de Herbón" comprende unha área de produción que abrangue aos concellos de Padrón, Dodro, Rois - na provincia da Coruña-, Pontecesures e Valga -na provincia de Pontevedra-. Trátase dunha zona da vertente atlántica de Galicia, que está constituída por vales cunha reducida altitude, delimitados polos ríos Ulla e Sar e protexidos por varias serras e a península do Barbanza, que illan a zona e proporcionan unhas condicións edafoclimáticas axeitadas para o cultivo dos pementos.

Os pementos cultivados ao abeiro da DOP "Pemento de Herbón" pertencen á especie Capsicum Annuun, procedentes dos ecotipos locais da "variedade Padrón". Caracterízanse pola súa recolección en estado inmaduro precoz para a súa comercialización en fresco, presentando unha cor verde lixeiramente clara, unha lonxitude de entre 3,5 e 5,5 centímetros e un diámetro máximo de entre 1,5 e 2 centímetros. 

Unha das características organolépticas máis destacadas dos pementos de Herbón é que, tal e como recolle o dito popular, "uns pican e outros non". Por que? Depende da cantidade de compostos capsicinoides que conteñan, que se concentran na placenta, que é a parte branquiña que hai no interior do froito, nunhas pequenas vesículas. Téñense identificado ata dez compostos diferentes, pero é a capsicina -seguida da hidrocapsicina- a que máis pica. Como estas substancias son axentes defensivos, a cantidade que xenera a pranta depende tanto das características xenéticas e endóxenas da variedade como das condicións ambientais esóxenas: a temperatura, a humidade, a composición do solo, a fertilización, o estado de desenvolvemento do froito no momento da recollida, etc.

Os auténticos pementos de Herbón unicamente se poden atopar no mercado entre os meses de maio e outubro, xa que a recolección dos cultivados en invernadoiros adoita comezar a principios de maio mentres que os cultivados ao aire libre entran en produción a finais de xuño. A campaña oficial remata o 31 de outubro. 

 

Máis información sobre os pementos de Herbón nesta ligazón:

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…