-->

Camilo José Cela

 

Camilo José Cela Trulock naceu na parroquia padronesa de Iria Flavia o 11 de maio de 1916. Fillo de pai galego e nai con ascendencia inglesa e italiana, pasou a súa infancia en Galicia, antes de trasladarse a Madrid en 1925 coa súa familia. Tras varias incursións no mundo da poesía, a súa carreira literaria comeza a ser unha realidade en 1942 coa publicación da súa primeira novela, "La familia de Pascual Duarte", obra de certa crueza á que lle seguirían trece novelas máis ata "Madera de boj" en 1999. Entre elas destaca "La colmena", novela que foi editada en 1951 en Bos Aires polos seus problemas en España coa censura.  

cjc trabajo e1365422687108Camilo José Cela foi un autor de éxito, prolífico en número de obras publicadas e abundante en xéneros literarios cultivados: novelista, poeta, ensaísta, lexicógrafo, dramaturgo... facetas todas elas que revelan a súa enorme e enraizada vocación polo oficio de escribir e unha incansable sede de experimentación, que deron como resultado máis de 120 títulos con numerosas edicións e traducións a alomenos 40 idiomas: 14 novelas, oito novelas curtas, cinco libros de poesía, 17 libros de viaxes, 20 libros de artigos, 26 de contos, tres de teatro, un romance de cego, cinco adaptacións, dous de entrevistas, 13 de temática variada, un de lexicografía, tres diccionarios e dous libros de memorias: "La rosa (memorias de la niñez)" e "Memorias, entendimientos y voluntades (memorias de juventud)". Tamén foi xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias, conferenciante, pintor, actor e un longo etcétera de facetas nas que demostrou a súa creatividade e forte personalidade.

O seu labor literario reportoulle os máis destacados premios e recoñecementos deste eido: en 1984 recibiu o Premio Nacional de Narrativa; en 1989 foille concedido o Premio Nobel de Literatura "pola súa prosa rica e intensa, que, con refreada compaixón, configura unha visión provocadora do desamparo do ser humano"; dous anos antes (1987) recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras; e seis anos máis tarde (1995) seríalle concedido o máximo galardón las letras españolas, o Premio Cervantes. 

En 1956 fundou e comezou a dirixir desde Mallorca a revista de creación literaria "Papeles de Son Armadans", que resulta fundamental para entender a literatura española da posguerra e que mantivo activa ata 1979, chegándose a editar 276 números durante os seus 23 anos de vida. 

En 1957 Camilo José Cela ingresou na Real Academia Española, apadriñado por Vicente Aleixandre, Gregorio Marañón e Joaquín Calvo-Sotelo. Nesta institución ocuparía o sillón Q e o seu discurso de ingreso, "La obra literaria del pintor Solana", sería contestado polo propio Gregorio Marañón. Vinte anos máis tarde (1977), o Rei Juan Carlos nomeouno senador nas primeiras Cortes Xerais da transición democrática, chegando a participar na redacción do texto da Constitución. 

Ao longo da súa carreira literaria, recibiu 25 doctorados Honoris Causa por 16 países distintos de catro continentes e viu como a súa obra se editaba e traducía a máis de 40 idiomas. De feito, "La familia de Pascual Duarte" é considerada por moitos como a novela española máis editada e traducida despois de "El Quijote".

Morreu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 aos 85 anos de idade e o seu legado literario e artístico consérvase en Padrón, en Iria Flavia, na fundación que leva o seu nome -ubicada fronte á colexiata de Santa María de Adina, nas denominadas Casas dos Canónigos, por ter sido residencia deles no século XVIII-. 

 

Máis información nas seguintes ligazóns:

  

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…